FRANCISCO SANDOVAL
Cronista oficial do Concello de Ordes
Francisco Sandoval Verea naceu na Coruña en 1968, se ben no seu primeiro ano de vida pasou a residir na vila de Ordes, de onde é orixinaria a súa familia materna.
É doutor en Historia e licenciado en Xeografía e Historia, nas especialidades de Historia Moderna e de Bibliotecomía e Arquivística, pola Universidade de Santiago de Compostela. Tamén conta coa diplomatura de Biblioteconomía e Documentación pola Universidade da Coruña.
Encamiñou a súa carreira profesional como arquiveiro e, despois de pasar polo Arquivo da Catedral de Santiago, en 2003 converteuse en técnico de Arquivos da Xunta de Galicia con destino no Arquivo Histórico Provincial de Ourense. Especializado en divulgación do patrimonio documental, ocúpase da edición e autoría de monografías e publicacións periódicas, do comisariado de exposicións documentais e doutras tarefas de difusión arquivística.
Compatibiliza esta profesión coa investigación histórica, boa parte da cal se centra en traballos sobre a comarca de Ordes durante a Idade Moderna e principios da Contemporánea. Na súa memoria de licenciatura titulada A xurisdición de Folgoso a finais do Antigo Réxime abordou o estudo desta desaparecida circunscrición administrativa que comprendía 21 parroquias repartidas na actualidade entre os actuais concellos de Frades, Ordes e Oroso.
Na súa tese de doutoramento, titulada Unha vella sociedade rural do interior coruñés: a comarca de Ordes entre o Antigo e o Novo Réxime, ampliou o marco de estudo ao espazo xeográfico dos sete concellos que conforman esta comarca. Nela aborda cuestións como a organización do territorio desde distintos planos, a demografía, a economía, a organización social, o sistema familiar e os niveis de instrución entre os séculos XVI e XIX.
Tamén contribuíu a recuperar a figura da enfermeira Isabel Zendal a través de artigos nos que se remarca a súa orixe ordense e os recoñecementos que lle foron tributados na súa terra natal.
Máis alá destas temáticas, publicou estudos sobre a economía e a sociedade do Ribeiro de Avia e sobre a parroquia de Santa Mariña de Augas Santas (Allariz). En conxunto, compútanselle máis de sesenta contribucións en publicacións periódicas e cinco en obras colectivas, así como catro libros publicados en colaboración con outros/as autores/as.
En 2023 recibiu o XXIV Premio Ferro Couselo de Investigación por un traballo histórico sobre a Comarca de Ordes titulado A paisaxe e a organización do espazo do interior coruñés durante os séculos XVI a XIX, publicado como monografía en 2024.
| En 2026 foi nomeado cronista oficial do Concello de Ordes. |