spacer
Programa de compostaxe doméstica

O concello de Ordes (A Coruña) sumouse ao programa de compostaxe doméstica promovido por Sogama co principal obxectivo de reducir a produción de lixo doméstico, pechar o ciclo da reciclaxe e aforrar custos.

A compañía pública entregará ao concello 50 composteiros de 340 litros de capacidade cada un, fabricados con material reciclado e reciclable, que se distribuirán entre outras tantas vivendas unifamiliares do municipio que dispoñan de horta ou xardín, posibilitando desta forma a posterior aplicación, como fertilizante natural de alta calidade, do compost obtido.

Con esta iniciativa, o equipo de goberno local pretende posibilitar a reciclaxe e recuperación in situ da materia orgánica producida nos fogares, medida que, sen dúbida, suscitará importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.

Todo Vantaxes

A compostaxe doméstica trae consigo unha serie de vantaxes importantes para os municipios e os seus veciños e veciñas. Desde a perspectiva ambiental, porque os restos orgánicos representan, no cómputo global do lixo xerado por cada familia, da orde do 42 por cento, e se estes se retiran do circuíto de xestión asumido polos servizos municipais, o concello terá expectativas de reducir a frecuencia de recollida en determinados núcleos poboacionais e, por suposto, o transporte, diminuíndo de forma paralela as emisións de CO2.

Ademais, obtense un produto final, o compost, con excelentes propiedades nutritivas para o solo, que os usuarios e usuarias  poderán utilizar en substitución dos fertilizantes artificiais, con alta presenza de axentes químicos.

Dado que o proceso forma parte da tradición galega (desde sempre separouse no medio rural o lixo orgánico para fabricación de fertilizante e/ou alimento do gando), non supón maior inconveniente nin trae consigo limitacións para os veciños e veciñas participantes. En todo caso, o sistema modernízase, dispoñendo as familias dun recipiente axeitado, máis cómodo e práctico, no que se acondiciona o fertilizante.

A día de hoxe, e desde o ano 2010, Sogama repartiu máis de 4.700 composteiros entre diferentes entidades galegas tales como concellos (máis dun cento), centros escolares e colectivos sociais.

Co fin de garantir a correcta operativa, a Sociedade encargarase de impartir aos participantes un curso específico de formación no que explicará a iniciativa e proporcionará as pautas a seguir para lograr un fertilizante de alta calidade. De feito, a Universidade de Santiago de Compostela, a solicitude da empresa pública, analizou desde o punto de vista científico unha serie de mostras de compost recollidas en diferentes concellos adscritos a este programa, concluíndo a súa alta calidade, a súa plena adecuación á normativa vixente na materia e, por suposto, a súa aplicabilidade no eido da agricultura sostible.

As familias contarán igualmente cun manual didáctico complementario no que se explica, dunha forma clara, detallada e accesible, os pasos a seguir para a obtención de fertilizante, clarificando as dúbidas frecuentes e rexistrando os erros máis comúns e a forma de resolvelos.

Persoal ao servizo do propio concello será o encargado de visitar casa por casa para comprobar a técnica desenvolvida polos usuarios e usuarias, avaliar o traballo realizado e solucionar as posibles incidencias detectadas.

Desde a dimensión económica, cabe sinalar que a autocompostaxe pode supoñer un aforro económico para as arcas locais. Ao evitar que a materia orgánica sexa depositada nos contedores verdes convencionais, xunto co lixo en masa, non só se diminúe a frecuencia de recollida desta, senón que se entregan menos toneladas a Sogama, posibilitando unha redución do importe da factura a pagar á entidade.

A nivel social, as vantaxes tampouco son desbotables, xa que os veciños e veciñas pechan o ciclo de reciclaxe dos restos orgánicos nas súas casas, evitando con isto os continuos desprazamentos aos contedores, habitualmente distanciados das vivendas debido á alta dispersión da poboación.