Escola municipal de música de Ordes
A escola de música está subvencionada pola Deputación da Coruña e é unha institución para persoas de todas as idades na que se ofrece ao estudantado a posibilidade de aprender e facer música tanto individual coma colectivamente.
O obxectivo é unha formación musical íntegra para que o alumnado teña unha ampla visión da música, tanto no campo da clásica como da música moderna (jazz, funk, rock, ...) e consiga unha actitude crítica e independente para, no caso de decidilo, poder facer carreira musical en calquera dos dous ámbitos. Ademais unha escola de música crea afección e cultura: xera un público culto, sensible e preparado que lle permite gozar da música e participar en multitude de actividades artísticas.
A Escola Municipal de Música de Ordes realiza unha oferta educativa en sintonía coas necesidades da poboación, seguindo os plans de estudos regrados da normativa vixente e baseada na súa autonomía pedagóxica cun cadro de profesionais altamente cualificados.
Na escola de música do concello de Ordes ofértanse as seguintes materias:
- Música e Movemento (3 a 5 anos)
- Formación Básica (6 a 7 anos)
- Linguaxe Musical (+ de 7 anos)
- Instrumento (a partir de 6 anos)
- Combo Rock
- Combo Folk
- Coro
- Banda Escola
- Big-Band
- Música de Cámara
A oferta educativa da escola está dirixida a calquera perfil, non soamente ao alumnado especialmente cualificado, aínda que este tamén poderá ser atendido e orientado cara a uns estudos profesionais no conservatorio.