Alcaldía
Benvidas e benvidos:
Benvidas:
Ás persoas que visitan con frecuencia o espazo web do Concello de Ordes, e tamén ás que se achegan por vez primeira, quero ofrecer unha benvida cordial.
Ordes é a cabeceira dunha extensa comarca situada no interior da provincia da Coruña, unha capitalidade comarcal que aspiramos a potenciar, sen imposicións, desde o convencemento de que xuntos somos máis fortes e podemos acadar novas metas.
As portas do Concello de Ordes están e estarán sempre abertas (tanto na sede física, como a través desta web) para cantos, dun ou doutro xeito, queiran participar nesta tarefa colectiva, e tamén ilusionante, de facer de Ordes un lugar mellor, con máis oportunidades e unha maior calidade de vida.
A todos e todas animo a mergullarse nesta web para coñecer un pouco mellor o noso concello e tamén para facilitar a relación coa administración municipal, sempre ao servizo da veciñanza.
Porque servir á xente é a nosa primeira e principal obriga.
José Luis Martínez Sanjurjo
Alcalde de Ordes
D. José Luis Martínez Sanjurjo. Alcalde de Ordes
Competencias
As establecidas no art. 21.1 da Lei 7/1985, de 2 de abril (LRBL ), que non foran delegadas na Xunta de Goberno Local, mediante decreto de alcaldía , do día 19 de xuño de 2023 (BOP NÚMERO 119 | VENRES, 23 DE XUÑO DE 2023):
- Dirixir o goberno e a administración municipal.
- Representar o concello.
- Convocar e presidir as sesións plenarias, salvo nos supostos previstos na presente Lei e na lexislación electoral xeral, da Xunta de Goberno Local e de calquera outros órganos municipais cando así se estableza en disposición legal ou regulamentaria e decidir os empates con voto de calidade.
- Dirixir, supervisar e impulsar os servizos e obras municipais.
- Ditar os bandos.
- Concertar as operacións de crédito, excluíndo as contempladas no artigo 158.5 da Lei 39/1988, de 28 de decembro, reguladora das facendas locais, sempre que aquelas estean previstas no orzamento e o seu importe acumulado dentro de cada exercicio económico non supere o 10 por cento dos seus recursos ordinarios, excluíndo as de tesourería, que lle corresponderán cando o importe acumulado das operacións vivas en cada momento non supere o 15 por cento dos ingresos correntes liquidados no exercicio anterior; ordenar os pagos e render contas de conformidade co disposto na Lei reguladora das facendas locais.
- Aprobar as bases das probas para a selección do persoal e para os concursos de provisión de posto de emprego e distribuír as retribucións complementarias que non sexan fixas e periódicas.
- Desempeñar a xefatura superior de todo o persoal e acordar o seu nomeamento e sancións, incluída a separación do servizo dos funcionarios da Corporación e o despedimento do persoal laboral, dando conta ao pleno, nestes dous últimos casos, na primeira sesión que teña lugar. Esta atribución realízase sen prexuízo do disposto nos artigos 99.1 e 3 desta Lei.
- Exercer a xefatura da Policía Municipal.
- O exercicio das accións xudiciais e administrativas e a defensa do Concello en asuntos da súa competencia, incluso cando as delegara noutro órgano e, en caso de urxencia, en materias da competencia do Pleno, dando conta a este na primeira sesión que teña lugar para a súa ratificación.
- A iniciativa para propoñer ao Pleno a declaración de lesividade en materias da competencia da alcaldía.
- Adoptar persoalmente e baixo a súa responsabilidade, en caso de catástrofe ou desgrazas públicas ou risco grave, as medidas necesarias e adecuadas dando conta inmediata ao Pleno.
- Sancionar as faltas de desobediencia á súa autoridade ou por infracción das ordenanzas municipais, excepto nos casos en que tal facultade estea atribuída a outros órganos.
- Ordenar a publicación, execución e cumprimento dos acordos do Concello.
- As demais que expresamente lle atribúan as leis e aquelas que a lexislación do Estado ou das comunidades autónomas asignen ao municipio e non atribuídas a outros órganos municipais.