spacer
Expoordes. Feira multisectorial

Que é EXPOORDES ?

EXPOORDES  é unha feira multisectorial que ten lugar na vila de Ordes a última fin de semana do mes de abril dende hai máis de vinte e cinco anos, e que ofrece un amplo percorrido polos sectores produtivos de Ordes e a súa comarca e tamén  polos servizos que se ofrecen á comunidade dende distintas empresas privadas e dende o sector público.

O Concello de Ordes organiza esta mostra apostando pola creación de emprego e en apoio ao sector produtivo, sendo un grande escaparate de promoción para as empresas que xa están creadas desde hai tempo e necesitan dar a coñecer os seus últimos avances, así como de xeito especial para as empresas de nova creación. 

O contacto directo co público logra que as empresas se promovan de modo máis efectivo, establecéndose unha relación máis  directa entre o empresariado e a clientela. 

Os grandes sectores económicos da comarca de Ordes están representados na exposición a  través da mostra de maquinaria agrícola, a queixería, as novas tecnoloxías, as enerxías renovables, a automoción,o mobiliario, o medio ambiente, o téxtil, o deporte, a cultura, o ocio etc.

A xornada inaugural dedícase aos empresarios e autónomos de Ordes,  como recoñecemento ao traballo que están a facer, que contribúe ao progreso de todos e todas.

Expoordes. Feira multisectorial

Stand VM Reproducciones

O recinto feiral

Logo da inauguración, o venres pola tarde, o recinto feiral permanece aberto ao público de xeito ininterrompido o sábado e o domingo, dende as 10:00 horas da mañá ata as 21:00 horas da noite.

Son preto duns cen os expositores presentes na mostra, que se sitúan nun recinto localizado no campo da feira da vila de Ordes, baixo unha carpa duns 3.000 metros cadrados. Dentro desta carpa instálanse os postos nos que os expositores mostran os seus produtos.

No exterior outros 10.000 metros cadrados albergan  a exposición de maquinaria agrícola.

Actuacións musicais

Para aumentar o atractivo desta festa inclúense no programa distintas actuacións musicais de grupos de gaitas, charanga e banda de música que, ao mesmo tempo que amenizan a estancia dos e das asistentes, tamén constitúen un apoio á música galega, parte importante da nosa cultura.

Festa Degustación do Champiñón 

A última xornada de Expoordes, o domingo,  ten lugar unha das citas máis  típicas do municipio: a Festa do  Champiñón. No seu inicio esta festa gastronómica trataba de introducir o  champiñón como un cultivo alternativo nesta zona e, se ben o cultivo non prosperou como se pretendía, a festa de degustación conseguiu un forte arraigamento desde hai máis de vinte e cinco anos e atrae a moitos e moitas visitantes.

Os hostaleiros do municipio ofrecen uns  6.000 quilos de champiñóns  á súa clientela como degustación gratuíta, cociñados de xeitos diferentes, con moito esmero, e sempre deliciosos, para agradar a todas e todos os comensais.

A feira multisectorial e a Festa do Champiñón atraen milleiros de visitantes a Ordes

Durante os tres días que dura a exposición máis de 30.000 persoas visitan EXPOORDES, procedentes de moitos puntos de Galicia. O gran número de visitantes constata a consolidación e a relevancia desta mostra.