spacer
Últimos días para inscribirse na I San Silvestre Ordes 

O xoves conclúe o prazo para poder apuntarse na páxina www.carreirasgalegas.com. Terá lugar o último día do ano e contará cun marcado carácter solidario a favor de Cáritas Ordes. 

Dende o Departamento de Deportes do Concello de Ordes lembran a todas as persoas interesadas que o próximo xoves, 28 de decembro, conclúe o prazo para poder inscribirse na I San Silvestre Ordes. A carreira terá lugar o vindeiro domingo, 31 de decembro, ás 12 horas. Non se trata dunha proba exclusivamente competitiva, xa que o percorrido previsto de 3,700 quilómetros tamén se poderá realizar a modo de andaina. Deste xeito quérese ofrecer a posibilidade de participar a todo tipo de persoas. O principal obxectivo é despedir o ano conxuntamente e de forma divertida, á par que se leva a cabo unha actividade física. O lugar de saída será na rúa Entreparques, onde media hora antes do comezo da proba se repartirán os dorsais. 

     As inscricións serán gratuítas e deberán formalizarse a través da páxina www.carreirasgalegas.com. Unicamente se solicita que cada participante achegue un quilo de alimentos non perecedoiros ou ben produtos de hixiene persoal que se doarán a Cáritas Ordes. A todas e todos eles faráselles entrega de camisetas, agasallos, chocolate quente e rosca.

     Na organización deste evento o Concello de Ordes conta coa colaboración do Club Atletismo Ordes, da Federación Galega de Atletismo e de Cáritas Ordes.