A partir de mañá Ordes acollerá o IV Mercado de Nadal
En total serán arredor de 30 postos os que se instalen na carpa que se colocará na mesma alameda ata o 31 de decembro
Dende mañá mércores e ata o 31 de decembro a alameda de Ordes acollerá o IV Mercado de Nadal Artesán. En total serán arredor de trinta postos os que quedarán instalados na carpa que se colocará especialmente para iso.
Nesta ocasión están previstas tamén unha serie de actividades e actuacións, nas que os máis pequenos e pequenas serán os máximos protagonistas. O mércores 27 terá lugar o recuncho dos xogos de 17.30 a 19 horas. O xoves 28 a partir das 17.30 horas haberá demostracións, degustacións e música directo. Xa o venres 29 os xogos de lóxica e os flocos de millo axudarán a pasar a tarde.
O horario de atención ao público irá aproximadamente dende as 10.30 ata as 20.30 horas, agás o día de fin de ano que se abrirá ata as 15 horas unicamente. Un tempo no que se poderán adquirir todo tipo de produtos confeccionados con la, coiro, madeira, algodón etc. Abundarán as pezas calcetadas e de gancho, carteiras e bolsos, sombreiros, todo tipo de roupa, libros, figuras en goma eva, xabóns, instrumentos musicais, bixutería e adornos e agasallos para todos os gustos e idades. Ademais tamén haberá turróns e doces típicos do Nadal.