ACORDES repartirá este Nadal 2000 € en premios á súa clientela máis fiel
Ata o 6 de xaneiro permanecerá aberta a campaña que repartirá cinco cheques de 400 € cada un, a gastar nos establecementos participantes
Os comerciantes de Ordes queren premiar a fidelidade da súa clientela neste Nadal. Un ano máis a Asociación de Comerciantes de Ordes organiza un novo sorteo no que se repartirán cinco cheques valorados en 400 € cada un deles. En total repartiranse 2.000 € para gastar nos establecementos locais.
A dinámica é moi similar á de ocasións anteriores. Bastará con completar con catro selos algún dos boletos que xa se distribúen polos comercios de Ordes. O prazo de entrega finalizará o 6 de xaneiro. As persoas gañadoras daranse a coñecer o vindeiro 9 de xaneiro no sorteo que se levará a cabo en directo na emisora municipal.
En total hai que falar de case 90 establecementos que forman parte desta promoción, entre tendas de roupa, ópticas, perruquerías, xoierías, bares e restaurantes, cosmética, deportes, decoración, bazares, froiterías, florerías, zapaterías, xogueterías, moblerías etc.
Para facer posible esta idea ACORDES tamén conta coa colaboración do Concello de Ordes e de Cruz Vermella.
Patrulla Canina
Dende a asociación teñen previstas outras iniciativas co fin de animar as compras destas datas. Mañá venres e o sábado, 22 e 23 de decembro, Papá Noel paseará polas rúas de Ordes e parolará cos rapaces de 11 a 13 e de 17 a 19 horas. A vila tamén recibirá a visita da Patrulla Canina o 4 de xaneiro dende as 17 ata as 20 horas. Por outra banda a través do Facebook de Eu merco en Ordes, pódese participar no concurso dunha cesta de Nadal.