Xosé Manuel Mira asiste á presentación do programa ‘Cultura no Camiño’
O programa, que se desenvolve nos concellos integrados nas distintas rutas xacobeas, traerá a Ordes maxia, teatro e circo ao longo do mes de agosto
Xosé Manuel Mira, concelleiro de Cultura do Concello de Ordes, asistiu esta mañá á presentación oficial do programa ‘Cultura no Camiño’, que discorrerá entre o 15 de abril e o 30 de setembro en concellos das distintas rutas xacobeas. Unha iniciativa posta en marcha conxuntamente pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e as consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e a de Turismo de Galicia.
No caso de Ordes a Alameda será o principal escenario para unha serie de actuacións e espectáculos que se desenvolverán do 1 ao 12 de agosto en horario de tarde (20 horas). Circo, teatro infantil ou maxia ocuparán as tardes de verán para os veciños, veciñas e visitantes que queiran desfrutar gratuitamente.
En palabras do edil “trátase dunha grande iniciativa coa que se unifican esforzos por parte de distintos entes en prol da cultura”, asegura. Xosé Manuel Mira tamén destaca a posibilidade que o programa brinda “para dar resposta á demanda dun público diverso que poderá gozar de concertos e de montaxes de teatro, danza, novo circo, maxia e narración oral producidos en Galicia”.