Esta mañá abriuse ao público no parque da Constitución a I Feira da creatividade. Trátase dunha das máximas novidades que presenta a edición deste ano do festival de arte urbana DesOrdes Creativas. A literatura marcou esta xornada grazas aos encontros e obradoiros levados a cabo polas escritoras da comarca Marisol Gándara, Rosalía Morlán e Begoña Picón, ademais da sesión de contacontos a cargo de Mari Vega. Jazz do pendello foron os encargados de poñer a nota musical nunha concorrida sesión vermú, na que moitos e moitas aproveitaron para desfrutar e adquirir obras de pintores e fotógrafos da zona como Xosé Rivera, Nana Art, Eva Mirán, Olaya Naveira etc. Tampouco faltaron as creacións vangardistas da deseñadora María Viqueira, que causaron gran sensación. De cara a noite haberá unha proxección de gifs animados realizados por A.L. Crego, ademais dos concertos de Malandrómeda vs L.A.R. Legido, Quand Band e o DJ Manuele Caamaño.
     Mañá domingo, ao longo de toda a xornada, repetiranse os encotros e exhibicións artísticas para todas as persoas que queiran participar e desfrutar delas.
 

Ordes exhibe o seu mellor talento creativo  na primeira feira temática