Reúne propostas como teatro, concertos, obradoiros creativos, festas e excursións, visitas de Papá Noel, ademais de citas sinaladas como a carreira de San Silvestre e a tradicional Cabalgata de Reis

O Concello de Ordes deu a coñecer a súa programación especialmente deseñada para as festas de Nadal. O tren do Nadal. Unha viaxe chea de ilusión abrangue unha proposta con diversas actividades pensadas para o público familiar e infantil. 

     O programa arrancará este mes de decembro. O vindeiro martes día 22 haberá unha excursión a Xuvenlugo. Ao día seguinte, mércores 23, o Pavillón Castelao acollerá a Festa de Nadal a partir das 17 horas. Pola súa banda, Papá Noel realizará unha visita ás parroquias do municipio dende as 10 horas do xoves 24. A música marcará a axenda do sábado día 26, grazas ao Concerto de Nadal que a Banda de Música de Ordes ofrecerá na Casa da Cultura a partir das 20 horas.

     Ordes acollerá o 28 de decembro o espectáculo cómico, musical e interdisciplinar Maruxiña, de Aurora Artes Escénicas (maiores de 3 anos), o cal está inspirado no conto clásico de Polgariña, de Andersen. De cara ao martes 29, Pablísimo recadará en Ordes con Gabinete Mirabila (maiores de 5 anos). Unha proposta concibida a partir dos cuartos das marabillas ou gabinetes de curiosidades onde se coleccionaban obxectos encantados e misteriosos, aparellos científicos, antigüidades e todo tipo de prodixios. Ambas as citas terán lugar na Casa da Cultura ás 18 horas. 

     O mércores 30 de decembro está prevista unha excursión a Titans Laser Tag, mentres que o xoves 31 terá lugar unha das citas deportivas máis animadas do calendario anual, coa San Silvestre. Coma sempre arrancará da rúa Entreparques ás 12 horas.

     Xa entrado o novo ano, o luns 4 de xaneiro está programado un obradoiro de broches de feltro, na Casa da Cultura ás 18 horas (maiores de 6 anos). Finalmente, o martes día 5, celebrarase a tradicional Cabalgata de Reis, que percorrerá as parroquias pola mañá para continuar a partir das 17 horas coa recepción dos Reis diante do Concello e na carpa que se instalará na Alameda.

    Organizada polo Concello de Ordes, a programación O tren do Nadal. Unha viaxe chea de ilusión conta coa colaboración da Deputación da Coruña, ademais da de AECOR, Eroski e Lidl
Alcalde de Ordes
 

Ordes presenta a súa programación O tren do Nadal, unha viaxe chea de ilusión