O prazo de renovacións e novas inscricións para os cursos de natación comezará en decembro
As clases desenvolveranse entre os meses de xaneiro e marzo na piscina climatizada Iván Raña Fuentes
O Concello de Ordes vén de anunciar o calendario de renovacións e novas inscricións para os cursos de natación que se impartirán de xaneiro a marzo de 2027 na Piscina Municipal Iván Raña Fuentes. As solicitudes poderán tramitarse de forma telemática mediante o enderezo web https://concelloordes.com/piscinaclimatizada/ ou ben de xeito presencial na propia piscina municipal.
As persoas usuarias que a día de hoxe xa formen parte dalgún curso e que desexen continuar na actividade, terán do 1 ao 10 de decembro para realizar a súa renovación.
Posteriormente, abriranse as quendas para as novas inscricións. No caso das persoas empadroadas en Ordes, o prazo irá do 11 ao 14 de decembro, publicándose a listaxe provisional o 16 de decembro. Neste caso, o período de pagamento abranguerá do 16 ao 20 de decembro. As persoas non empadroadas no municipio terán que realizar o trámite do 17 ao 20 de decembro. A listaxe provisional darase a coñecer o 22 de decembro. O prazo para o pagamento será do 23 ao 27 de decembro.
Desde a organización lémbrase que as persoas admitidas na listaxe provisional recibirán por correo a correspondente carta de pagamento. O aboamento deberá efectuarse obrigatoriamente con este documento e exclusivamente dentro do prazo asignado a cada grupo, xa que non se admitirán pagos fóra de prazo.
A data de publicación das listaxes definitivas de persoas inscritas está fixada para o 30 de decembro.