Desprazarase un total de 12 ocasións durante o primeiro semestre de 2027, cun límite de 40 solicitudes por xornada. As persoas interesadas deberán solicitar cita previa no Concello

O Concello de Ordes vén de facer público o calendario de desprazamentos do equipo móbil da Policía Nacional ao municipio durante o primeiro semestre de 2027. Este servizo ten como obxectivo facilitarlle á veciñanza a tramitación e expedición tanto do Documento Nacional de Identidade (DNI) como do pasaporte sen necesidade de desprazarse fóra da localidade.

     En total están programadas 12 xornadas, distribuídas a razón de dúas visitas mensuais. No mes de xaneiro o equipo móbil acudirá os días 11 e 25; en febreiro e marzo farao as xornada do 1 e do 15; en abril os días 5 e 19; xa no mes de maio acudirán o 3 e 24; e finalmente o 7 e o 21 de xuño.

     En todas estas dataso horario de atención ao público será de 9 a 13 horas, cunha capacidade máxima de 40 solicitudes por xornada. Para acceder ao servizo é imprescindible realizar unha inscrición previa no propio Concello de Ordes, para o que será imprescindible facilitar os datos persoais, o número do DNI e un teléfono de contacto.

     Desde o Goberno local advírtese de que este calendario inicial podería sufrir modificacións puntuais, que serían comunicadas coa debida antelación.

     Para a expedición dos documentos a Policía Nacional incorpora o novo equipamento móbil VIDOC (Vehículo Integral de Documentación). A unidade estacionará, tal e como vén sendo costume, na rúa Juanjo Liñares (a carón da Casa da Cultura). Deste xeito os documentos expediranse nun único desprazamento, axilizando a entrega e a tramitación. A maiores, este sistema facilita tamén a realización de xestións vinculadas á actualización das claves nos postos de actualización de documentación (PAD).

Pechado o calendario de visitas da Policía Nacional para expedir o DNI e o pasaporte