A Alameda de Ordes acollerá o Mercado Artesanal de Nadal os días 18, 19 e 20 de decembro
Durante as tres xornadas terá horario ininterrompido de 10.30 a 21 horas. Non faltarán os obradoiros creativos e os sorteos de agasallos
O Concello de Ordes prepara xa o seu tradicional Mercado Artesanal de Nadal, que terá lugar os vindeiros 18, 19 e 20 de decembro na Alameda.
Durante tres días o recinto permanecerá aberto ao público de xeito ininterrompido entre as 10.30 e as 21.00 horas, ofrecendo un espazo ambientado para mercar produtos artesáns e agasallos propios destas datas. Non faltarán pezas tecidas con la, abelorios, macetas, xogos, bonecas, cestos de vimbio, pandeiretas, roupa, bolsos, adornos domésticos etc, ademais de doces e lambetadas. A maiores, a cita contará con obradoiros cuxa programación será detallada en breve polo Concello. Como en ocasións anteriores, volverá poñerse en marcha unha campaña promocional pola cal se entregará unha papeleta para un sorteo con cada compra efectuada.
Con esta iniciativa, o Goberno local busca dinamizar a vida social e comercial da vila durante o Nadal, convertendo a Alameda nun punto de encontro para toda a veciñanza.