spacer
O Concello de Ordes licita as obras de extensión da rede de abastecemento nas parroquias de Buscás e Ardemil 

O importe total supera os 358.000 euros para dotar de servizo a preto de dez quilómetros e máis de 130 vivendas. O prazo para presentar ofertas rematará o vindeiro 15 de decembro 

O Concello de Ordes vén de abrir o proceso de licitación para a contratación das obras de extensión das redes de abastecemento nas parroquias de Buscás e Ardemil. Trátase dunha actuación cualificada de estratéxica desde o Goberno local, destinada a mellorar e ampliar os servizos básicos no rural mediante a canalización de novas conducións en diversas vías de titularidade municipal xa existentes, así como dar servizo a redes xa executadas en diferentes núcleos as que aínda non chegaba a rede xeral.

O investimento total ascende a 358.364,97 euros (correspondentes a un orzamento base de licitación de 296.169,40 euros máis 62.195,57 euros en concepto de IVE). Unha contía que se sufragará na súa totalidade con remanente líquido de Tesourería.

O proxecto técnico divídese en dúas áreas:

 No caso da parroquia de Buscás contémplase a instalación de 4.530 metros de tubaxe de polietileno de alta densidade de distintos diámetros que comunicará Os Ramos ata Faramilláns. Extensión de rede que prevé a execución das correspondentes válvulas de corte. A maiores, ampliarase nos Ramos un tramo de saneamento de 60 metros mediante tubaxe de PVC e 3 pozos de rexistro. A rede unha vez executada poderá ter servizo tanto dos depósitos do Mesón do Vento, como desde Ordes, ao anelarse ambas redes xerais a altura da Margarida.

Por outra banda, dentro da delimitación da parroquia de Ardemil (A Brea – Froxil – Porta do Nó – Orellán) levarase a cabo a canalización de 5.395 metros con tubaxe de polietileno de alta densidade, tamén en diferentes diámetros, e a colocación de válvulas para o correcto funcionamento da rede. Esta actuación permitirá nunha seguinte actuación continuar a extensión de rede a parroquia de Leira (Meitufe, Bailía, Vilasenín, etc).

En ambas parroquias a reposición dos pavimentos e cunetas afectadas realizarase mediante unha base de 20 centímetros de grixo e unha capa de 15 centímetros de formigón.

O prazo de presentación de ofertas por parte das empresas interesadas permanecerá aberto ata o vindeiro 15 de decembro. Unha vez adxudicados os traballos, estímase un prazo máximo de execución de seis meses para a correcta terminación das obras.

O Concello de Ordes licita as obras de extensión da rede de abastecemento nas parroquias de Buscás e Ardemil