O Consello da Xunta autorizou a sinatura do convenio para acometer esta actuación que permitirá beneficiar a máis de 14.300 habitantes no horizonte 2045

  • A través desta acción aumentarase a resiliencia do sistema de abastecemento fronte aos efectos do cambio climático, como poden ser os episodios de seca ou escaseza

  • Para a execución deste proxecto, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, achegará o 80 % do investimento necesario e o Concello achegará o 20 % restante

  • Os traballos permitirán mellorar o control da calidade da auga grazas á automatización e á monitorización en continuo e reducir o consumo de recursos hídricos na propia ETAP mediante a recuperación das augas e lavado de filtros

O Consello da Xunta autorizou a sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e o Concello de Ordes para levar a cabo a mellora da estación de tratamento de auga potable (ETAP), localizada en Buscás, cun investimento de 1,87 millóns de euros.

Con esta actuación aumentarase a resiliencia do sistema de abastecemento fronte aos efectos do cambio climático, como poden ser os episodios de seca ou escaseza. Ademais, resolverase a situación dunha infraestrutura obsoleta que funciona cunha soa liña de tratamento e que actualmente non ten marxe de reserva ante posibles avarías ou incrementos da demanda.

Nese senso, o obxectivo desta actuación é incrementar a capacidade de tratamento da planta nun 34 %, pasando dos 134 m³/h actuais a 180 m³/h. A estimación é que poida beneficiar a máis de 14.300 habitantes no horizonte 2045.

En concreto, as accións previstas permitirán mellorar o control da calidade da auga grazas á automatización e á monitorización en continuo de pH, turbidez e cloro. Así mesmo, reducirase o consumo de recursos hídricos na propia planta mediante a recuperación das augas e lavado de filtros.

Máis polo miúdo, algunhas das actuacións que se realizarán serán a substitución do bombeo de captación por tres bombas somerxibles; a construción dunha nova ETAP en módulos compactos de aceiro inoxidable con dúas liñas paralelas de 90 m³/h; a execución dun novo depósito de auga tratada -co seu correspondente bombeo- de formigón armado de 100 m³ que se soterrará baixo a nova potabilizadora, e a reconversión do decantador actual en espesador de lodos.

Para a execución deste proxecto, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, achegará o 80 % do investimento necesario (1,5 millóns de euros) e o Concello achegará o 20 % restante (375.000 euros). Ademais, a actuación será cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027.

O convenio, que se asinará proximamente, establece que Augas de Galicia se encargará da contratación e execución das obras que, unha vez rematadas, se incorporarán ao patrimonio municipal. Pola súa banda, o Concello de Ordes asumirá a súa posta en servizo, explotación, mantemento e conservación.

A XUNTA E O CONCELLO DE ORDES INVESTIRÁN 1,87 M€ NA MELLORA DA ESTACIÓN DE TRATAMENTO DE AUGA POTABLE DE BUSCÁS PARA AUMENTAR NUN 34 % A SÚA CAPACIDADE