O prazo para a recepción de ofertas estará aberto ata o próximo 23 de novembro.

O Concello de Ordes prevé incorporar ao seu parque móbil un novo vehículo todoterreo híbrido enchufable que substitúa ao sinistrado recentemente. Deberá estar dotado con tracción 4x4 e distintivo ambiental Cero Emisións. O obxectivo desta adquisición é facilitar os desprazamentos e os traballos de conservación, restauración e protección do medio ambiente e do espazo natural, especialmente en camiños rurais e zonas de difícil acceso. O prazo para a recepción de ofertas estará aberto ata o próximo 23 de novembro.

O orzamento ascende a 33.000 euros, IVE incluído. O valor estimado do correspondente contrato é de 27.272,73 euros (sen impostos).

Segundo establece o prego de condicións técnicas da contratación, o vehículo deberá contar con motorización híbrida de gasolina e eléctrica, cambio automático, unha potencia mixta mínima de 220 cabalos e capacidade para 5 ocupantes. Tamén deberá dispor de 5 portas, carrozaría tipo todoterreo ou SUV, gancho de remolque e un maleteiro de polo menos 300 litros.

O vehículo poderá ser novo ou ter ata unha antigüidade máxima de 3 anos, neste caso sempre que non supere os 15.000 quilómetros acreditados. Ademais, deberá entregarse en cor branca e coa rotulación identificativa característica do Concello de Ordes. O prego fixa tamén unha garantía mínima dun ano.

Con esta incorporación, o Concello busca dotar de novo aos servizos municipais dun medio de transporte versátil e eficiente, que facilite ao persoal o acceso a distintos puntos do municipio e mellore a capacidade de actuación da brigada de obras