Os Bolechas regresan a Ordes
Estarán o vindeiro sábado pola mañá na Casa da Cultura coa súa nova aventura Aquí hai moito ruído.
Os Bolechas volven un ano máis a Ordes. A cita está posta para o próximo sábado, 7 de novembro, ás 12 horas no auditorio María del Carmen Regueira Amor, na Casa da Cultura.
Baixo o título Aquí hai moito ruído!, nesta ocasión descubrirán o fascinante mundo da música. Pero a alegría durará pouco xa que un misterioso personaxe fará desaparecer todos os sons. Instrumentos, voces e cancións irán quedando en silencio absoluto. Aos protagonistas non lles quedará máis remedio que emprender unha trepidante aventura para investigar que acontece e onde se atopan os sons desaparecidos.
Impulsado pola Xunta de Galicia, Xacobeo 2027 e a área de Dinamización Lingüística, o programa FalaRedes busca achegar actividades de lecer de calidade en lingua galega aos concellos adheridos. Grazas a esta nova edición a popular familia dos Bolechas visitará un total de 21 municipios galegos, ofrecendo en todos eles unha proposta lúdica e familiar que fará gozar aos máis novos e novas.