O municipio dá o salto á modalidade completa da plataforma provincial impulsada pola Deputación, tras superar a fase inicial simplificada

Tal e como anuncia a través da súas redes sociais, o Concello de Ordes completou con éxito e sen incidencias a transición ao modelo avanzado de tramitación electrónica de Concello Dixital, en colaboración coa Deputación da Coruña. Con isto dáse por concluída a incorporación á versión completa, unha vez acadados os obxectivos iniciais na modalidade simplificada. O proceso completouse recentemente sen rexistrar incidencias operativas.

A posta en marcha desta modalidade avanzada dáse grazas á planificación conxunta entre os responsables municipais e o equipo técnico de implantación da Deputación. Previamente realizouse unha análise pormenorizada dos fluxos de traballo e procedementos locais, complementado con sesións formativas dirixidas ao persoal do Concello, permitíndolles aos empregados públicos achegar propostas de mellora.

As diferentes plataformas tecnolóxicas desenvolvidas no marco do proxecto Concello Dixital, como son TEDeC, Portafirmas, Arquivo Dixital ou as Sedes Electrónicas municipais constitúen a base dun catálogo de servizos con interoperabilidade real entre as administracións.
      
Entre as principais vantaxes para a veciñanza e para a organización interna do Concello está o acceso universal e deslocalizado, posibilitando calquera xestión, solicitude ou consulta de expedientes de forma telemática as 24 horas de cada día do ano. Tamén se reduce a burocracia e os tempos de espera na resolución de trámites, mellorando a trazabilidade e o seguimento en tempo real do estado dos expedientes. A maiores, simplifícase a achega documental ao poder acceder a certificados, informes ou documentos depositados previamente noutras administracións públicas.

Adaptación á legalidade
No referente ao corpo dos empregados públicos e á Administración local, o sistema optimiza os fluxos de traballo internos mediante a xestión integral do expediente electrónico de principio a fin. Tamén grazas á sinatura dixital e ás notificacións electrónicas automatizadas. Por outra banda, garántese a adaptación estrita á legalidade, tanto en materia de procedemento administrativo como co Esquema Nacional de Seguridade (ENS). O modelo, ademais, fomenta a participación activa do persoal a través de espazos de formación e realimentación, adaptando mellor as ferramentas dixitais ás necesidades do día a día.

Coa incorporación ao modelo avanzado de tramitación electrónica de Concello Dixital, Ordes posiciónase na vangarda da modernización administrativa, ofrecendo un servizo público máis próximo, transparente e eficaz para todos os seus veciños e veciñas.