Aprobado o convenio entre o Concello de Ordes e Augas de Galicia que permitirá a renovación da ETAP de Buscás para o ano 2027
O Pleno dá o seu visto e prace á incoación dos expedientes para a concesión da medalla de ouro do municipio ao Grupo Ramón García, Internaco e MACOGA.
De xeito unánime o Pleno correspondente ao mes de outubro deu o seu visto e prace ao novo convenio entre o Concello e Augas de Galicia para poder levar a cabo a reforma da ETAP de Buscás. O investimento total ascende a 1.871.282,17 €, cantidade que será sufragada nun 80% (1.497.025,74 €) polo ente autonómico e nun 20% pola administración local (374.256,43 €). O pago destas cantidades executarase ao longo de 2027 e 2028. Na primeira anualidade Augas de Galicia desembolsará 342.576,66 € e 1.154.449,08 € na segunda. Para o Concello de Ordes os importes serán de 85.644,16 € e 385.612,27 € respectivamente. O proxecto está cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), dentro do marco do Plan Estratéxico do Programa Galicia FEADER 2021-2027.
A sinatura do convenio permitirá iniciar as obras coa maior rapidez posible e incorporar ao patrimonio público municipal a infraestrutura, unha vez que se acometa a necesaria reforma.
Na mesma sesión, coa abstención da bancada socialista, saíron adiante as tres proposta de alcaldía para concederlles a medalla de ouro do municipio ás empresas MACOGA, Internaco e ao Grupo Ramón García. Iníciase así a tramitación dos expedientes para estes tres referentes empresariais, en base á súa implantación industrial no municipio e á actividade desenvolvida nel. Destácase a súa contribución na creación de emprego; no desenvolvemento económico, laboral, tecnolóxico, industrial, empresarial e na proxección exterior brindada ao municipio de Ordes. Unha vez completada a instrución por parte da concelleira designada Susana García Gómez que contará co apoio da secretaria municipal, os tres expedientes elevaranse á comisión informativa competente para ser sometidos á votación definitiva no Pleno.
En palabras da concelleira Noelia Ribadas, a abstención do PSdeG-PSOE de Ordes fundamentouse no seu reclamo ao Goberno local de implantar propostas que impulsen a actividade económica no municipio. Tachou a proposta de “electoralista”, puntualizando que “non é o momento de converter a política industrial nunha sucesión de homenaxes”. Insistiu na necesidade de dar prioridade á creación de emprego aplicando unha política con obxectivos, prazos e resultados.
A resposta do alcalde foi contundente, en canto a indicar “ese é o seu legado” que os socialistas de Ordes deste mandato serán recordados por ter votado en contra da aprobación definitiva do PXOM, o documento máis importante en materia empresarial e industrial para o tecido local produtivo que deseñou o Ordes das vindeiras dúas décadas. Aparte de recalcarlle o total e absoluto bloqueo durante 8 anos do goberno de Sánchez as infraestruturas en materia de comunicacións que demanda o noso municipio.
POS+ Adicional 4 para a Fraga da Galiña
A área da Fraga da Galiña contará cun investimento de 421.559,51 € para a execución da segunda fase das obras de mellora. Completarase desde a súa zona central con todos os ramais dende os núcleos de vivendas ata a N-550 chegando ao límites coas parroquias de Pereira e Santa Cruz de Montaos. O proxecto inclúese no acordo da 2ª fase do POS+ Adicional 4/2026, aprobado recentemente pola Deputación da Coruña. Votos a favor do goberno e do Psoe local.
Aprobación definitiva MPNS Pxom de Ordes
Outro dos principais puntos do día pasou polo PXOM. Cos votos do Goberno municipal aprobouse definitivamente a modificación puntual núm. 1 respecto da edificabilidade na parcelas públicas de equipamento sitas en solo urbano. Deste xeito poderase emendar a eiva detectada que imposibilitaba a integración dos espazos con medianeiras entre dúas edificacións contiguas. Tanto nacionalistas como socialistas optaron pola abstención, puntualizando que non se opoñen á corrección.
Outra modificación coa que todos os grupos estiveron de acordo foi a declaración inicial como parcela sobrante da sinalada como 41.2 situada no polígono industrial de Merelle. Iníciase así o trámite de cara á exposición pública para poder presentar as alegacións pertinentes.
O inicio do proceso do sorteo dos membros das mesas electorais do vindeiro 29 de novembro e a modificación da RPT para dar resposta a unha sentencia xudicial que recoñece os dereitos adquiridos dun traballador que ocupa o posto de peón completaron a orde do día. Unha sesión que arrancou cun minuto de silencio en memoria das vítimas do accidente ferroviario de Urda, en Toledo.