Centos de veciños participan en Ordes na homenaxe ao Soldado Lois, presidida polo alcalde e o comandante do Tercio Norte da Armada
O Concello de Ordes celebrou o tradicional acto de lembranza no cemiterio municipal do Piñeiro, coa presenza de autoridades civís e militares
O Concello de Ordes celebrou este domingo, 1 de novembro, o tradicional acto de homenaxe ao Soldado Lois, unha cita anual de lembranza e recoñecemento que congregou centos de veciños e veciñas no cemiterio municipal do Piñeiro, xunto cunha destacada representación de autoridades civís e militares.
Previamente á homenaxe, ás 11:30 horas, tivo lugar unha recepción oficial na Casa do Concello ao coronel comandante do Tercio Norte da Armada, David Salvador Rodríguez Picallo, quen foi recibido polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo. Durante a recepción, o coronel asinou no Libro de Honra do Concello de Ordes, deixando constancia da súa visita institucional ao municipio.
Posteriormente, o acto de homenaxe no cemiterio municipal do Piñeiro estivo presidido polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, e polo coronel comandante do Tercio Norte da Armada, David Salvador Rodríguez Picallo.
Na homenaxe participaron representantes da Armada, altos mandos da Garda Civil, da Policía Nacional, da Policía Local, da Xunta de Galicia e membros do Goberno municipal, así como outras autoridades e representantes institucionais. Non asistiron ao acto representantes dos grupos municipais do PSdeG-PSOE nin do BNG.
Manuel Lois García, natural de Ordes, é un símbolo de valentía e sacrificio. En 1937, durante a Guerra Civil, atopábase a bordo do cruceiro Baleares cando, no combate de Cabo Cherchell, un impacto de artillaría provocou un incendio que ameazaba con alcanzar a munición do buque. Lois interveu voluntariamente para evitar unha explosión de consecuencias devastadoras e, malia sufrir gravísimas queimaduras, conseguiu lanzar ao mar as caixas de munición incendiadas. A súa actuación permitiu salvar o buque, aínda que faleceu poucas horas despois. Pola súa valentía foille concedida a Cruz Laureada de San Fernando.
O alcalde destacou a importancia de manter viva a memoria do Soldado Lois e transmitir ás novas xeracións os valores de valentía, entrega e sacrificio que representa a súa figura.
Desde o Concello tamén se quixo agradecer especialmente a presenza dos centos de veciños e veciñas que, un ano máis, acudiron ao cemiterio municipal do Piñeiro, contribuíndo a manter viva esta tradición profundamente arraigada na sociedade ordense.
Con esta homenaxe anual, o Concello de Ordes e o Tercio Norte da Armada renovan o seu compromiso coa memoria e co recoñecemento dun dos fillos máis ilustres do municipio e da provincia da Coruña.
