A conmemoración contará coa tradicional presenza e parada militar do Terzo Norte de Infantería da Mariña de Ferrol. Os actos litúrxicos sucederanse nos días de Todos os Santos e de Fieis e Defuntos 

O Concello de Ordes honrará un ano máis a memoria do fillo ilustre do municipio, Manuel Lois García, coñecido popularmente como o 'Soldado Lois'. Como marca a tradición, o acto terá lugar no cemiterio do Piñeiro o vindeiro domingo, 1 de novembro, coincidindo coa festividade do Día de Todos os Santos.

A xornada dará comezo cunha breve recepción institucional ás autoridades convidadas na Casa do Concello. A partir das 12 horas celebrarase a misa no cemiterio do Piñeiro, seguida da tradicional ofrenda floral na tumba-monumento erixida na súa memoria. Como vén sendo habitual, o acto contará coa vistosa participación do Terzo Norte de Infantería da Mariña de Ferrol. A súa banda de música militar e as salvas de honor marcarán os tempos deste homenaxe. Á cita acudiran representantes institucionais e da sociedade civil de Ordes, así como mandos e oficiais do Terzo Norte, da Garda Civil e da Garda Civil de Tráfico. Tamén están convidados alcaldes doutros municipios da comarca. 

Xesta histórica do fillo ilustre

Nado en Ordes en maio de 1912, Manuel Lois García ingresou no Grupo de Forzas de Infantería da Mariña en Ferrol e posteriormente foi destinado ao cruceiro Baleares como telefonista.
A comezos de setembro de 1937, durante o combate naval de Cabo de Palos, un impacto no buque provocou o incendio dunha caixa de proxectís iluminadores, xerando un alto risco de explosión para a embarcación e a súa tripulación. Ante o chamamento de urxencia de voluntariado, o Soldado Lois foi o primeiro en dar un paso adiante. A pesar de resultar gravemente queimado polas lapas, logrou empurrar o proxectil ata arroxalo ao mar, salvando así o buque e os seus compañeiros.

     Faleceu ese mesmo día na enfermería do barco mentres lle impoñían a Medalla Naval, e en maio de 1939 foille concedida a Cruz Laureada de San Fernando. Ademais do seu mausoleo no Piñeiro, a vila de Ordes lembra a súa figura cun monumento na Alameda central.

Calendario de actos litúrxicos

De xeito complementario, haberá varios actos litúrxicos para conmemorar os días de Todos os Santos e de Fieis e Defuntos. O domingo na capela do tanatorio haberá misa ás 17.30 horas. A continuación, levarase a cabo unha ofrenda floral no cemiterio, cuxo ramo será trasladado de maneira solemne ao Xardín da Memoria. 

Os actos continuarán o luns, día 2, á mesma hora. Neste caso o lugar de encontro será o cemiterio do Piñeiro, onde se levará a cabo a tradicional Misa de Defuntos.