A festa arrancará o sábado pola tarde cun concerto de rock familiar, para continuar ao longo da noite con discoteca móbil e música en directo. Haberá carpa climatizada. Dende o venres numerosas food trucks ofrecerán unha amplísima gama de hamburguesas para todos os gustos

Ordes prepárase para vivir unha fin de  semana terrorífica chea de música, festa e diversión coa celebración do Samaín. A cita está posta para este sábado, día 31, no Campo da Feira. A Asociación Cultural e de Festexos de Ordes, organizadora do evento, conta un ano máis coa estreita colaboración do Concello de Ordes.

O Samaín Ordes 2026 combinará música e diversión para todos os públicos. A xornada comezará ás 19.30 horas co concerto de Kids Rock, unha proposta musical pensada para gozar en familia. Xa a partir das 21 horas a diversión e a animación virán da man de Disco Móbil CDC, Adrián Gold e do Grupo Origen. Ademais, para a ocasión instalarase unha carpa climatizada que permitirá gozar de todas as actividades coa maior comodidade.

Ademais do Concello, outras entidades e organismos que brindan o seu apoio son a Xunta de Galicia, Xacobeo 2027, Xuventude, Mancomunidade de Ordes, Deputación da Coruña e Galicia Calidade.

Esta celebración compleméntase coa posta en marcha do evento gastronómico A Burger Top, que igualmente se desenvolverá no Campo da Feira. Neste caso arrancará o venres e permanecerá ata o domingo, 1 de novembro, Día de Defuntos. A proposta reunirá diferentes opcións nas que as hamburguesas serán o ingrediente principal. Haberaas para todos os gustos.

O obxectivo é posibilitarlle ao público unha experiencia gastronómica acompañada de música e dun ambiente festivo. Dende as food trucks, chegadas de distintos puntos para a ocasión, ofrecerase unha amplísima selección de hamburguesas nun espazo pensado e acondicionado para gozar en compañía.

Unha vez máis, o Concello de Ordes participa activamente coa Asociación Cultural e de Festexos de Ordes para facer posible este evento, no que tamén figura AECOR.

O Campo da Feira prepárase para celebrar esta fin de semana o mellor Samaín