BUSCÁS RECUPERA A SÚA MEMORIA A TRAVÉS DUN MURAL DE MARÍA MARTELO NO MARCO DE «ARTE NO CAMIÑO»
A iniciativa da Deputación da Coruña conta coa colaboración da veciñanza para achegar a historia da parroquia ás persoas que a habitan e a quen a percorre no Camiño de Santiago.
A parroquia de Buscás acolleu onte a presentación da proposta artística de María Martelo para o proxecto «Arte no Camiño», da Deputación da Coruña. A intervención parte das fotografías antigas e das lembranzas compartidas pola veciñanza para trasladar á pintura unha parte da memoria colectiva da parroquia e establecer un diálogo entre o seu pasado e o presente.
Na presentación participaron o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo; a concelleira de Política Social, Igualdade, Diversidade, Educación e Traballo, Susana García Gómez; e o concelleiro de Obras, Infraestruturas e Mobilidade Cidadá, José Antonio Cabeza Fraga. Tamén estiveron presentes Antonio Leira, deputado provincial, a autora, María Martelo, e veciños e veciñas da asociación veciñal de Buscás.
A participación da comunidade constitúe un elemento central desta proposta. As fotografías achegadas á artista permitíronlle descubrir escenas de festas, xuntanzas e momentos cotiáns que retratan un Buscás cheo de vida. Estas imaxes, conservadas ao longo dos anos, serviron como punto de partida para afondar nas raíces e na historia da parroquia.
Neste proceso de investigación apareceu tamén o libro «Galicia máxica: reportaxe dun mundo desaparecido», do historiador e folclorista Gustav Henningsen, que recolle fotografías realizadas en Galicia durante as súas investigacións sobre a bruxería. Foi unha veciña quen lle deu a coñecer á artista varias imaxes de Buscás incluídas nesta obra, nas que se recolle unha parte da historia local vinculada aos ritos e aos meigallos.
A intervención de María Martelo leva á pintura unha destas lembranzas, coa intención de conectar a memoria do lugar coa súa realidade actual. O mural busca ofrecer unha vía de achegamento á historia de Buscás tanto para a propia veciñanza como para as persoas que pasan pola parroquia no seu percorrido polo Camiño de Santiago.
A proposta reúne así creación artística, investigación e participación veciñal, facendo das lembranzas compartidas o punto de encontro entre distintas xeracións e entre a comunidade local e quen a visita.
