Os establecementos hostaleiros teñen de prazo ata o 10 de novembro. A cita culinaria celebrarase os días 20 e 21 de novembro e contará cun prezo único de 2 € por cada petisco

Ordes, 20 de outubro de 2026. O Concello de Ordes pon en marcha unha nova edición do certame gastronómico Ordes de tapas: Saborea o outono, que se celebrará os vindeiros 20 e 21 de novembro. A iniciativa ten como obxectivo dinamizar o sector da hostalería local e ofrecer á veciñanza e visitantes a oportunidade de gozar da riqueza culinaria do municipio a un prezo accesible de 2 €. 

     O prazo para que os bares e restaurantes formalicen a súa participación permanecerá aberto ata o 10 de novembro. Para inscribirse deberán enviar un correo electrónico ao enderezo info@ordes.gal achegando o nome do local, o da tapa, unha breve descrición da elaboración e o horario no que será ofrecida á clientela. 

     Para obter máis información sobre as bases ou resolver calquera dúbida sobre a convocatoria, o Concello pon á disposición dos interesados o teléfono de atención 981 680 002 (extensión 4).

Aberta a inscrición para participar no concurso Ordes de tapas: Saborea o outono