spacer
19 outubro 2026 A comida solidaria da AECC de Ordes reúne a 380 persoas para apoiar a investigación

A comida solidaria da AECC de Ordes reúne 
a 380 persoas para apoiar a investigación

A cita, celebrada este domingo no pavillón Campomaior, contou coa presenza de representantes institucionais da comarca, profesionais do ámbito científico e sanitario e numerosos veciños e veciñas

Ordes, 19 de outubro de 2026. A Xunta Local da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) en Ordes celebrou este domingo unha nova edición da súa tradicional Comida Solidaria. A iniciativa reuniu un total de 380 persoas no pavillón Campomaior co obxectivo de recadar fondos para impulsar a investigación oncolóxica e manter os servizos gratuítos de apoio a pacientes e familiares.

     A xornada volveu demostrar o compromiso e a solidariedade da veciñanza de Ordes e da súa contorna na prevención, o diagnóstico e o tratamento do cancro, así como para mellorar a calidade de vida das persoas afectadas pola enfermidade.

     Entre as persoas asistentes estiveron José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes; José Manuel Castro Tubío, biólogo do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) da Universidade de Santiago de Compostela; Xoán Miguel Concheiro, presidente da Xunta Local de Santiago da AECC; e Anxo Fernández Ferreiro, farmacéutico clínico universitario. Tamén acudiron representantes municipais doutros concellos da comarca, entre eles Roberto Rey, alcalde de Frades, e Fina Suárez, alcaldesa de Trazo.

     O xantar estivo servido polo restaurante Casa Taboada, de Touro, e a celebración estivo acompañada de música e diferentes sorpresas para as persoas participantes.

     A iniciativa contou, unha vez máis, coa colaboración do Concello de Ordes. O equipo organizador agradece a colaboración das persoas asistentes, das entidades participantes, dos establecementos colaboradores e de todas aquelas persoas que contribuíron a facer posible esta nova edición da Comida Solidaria.

19 outubro 2026 A comida solidaria da AECC de Ordes reúne a 380 persoas para apoiar a investigación