spacer
Lidl avanza nas obras da súa primeira tenda de Ordes coa previsión de poñela en funcionamento antes de que remate este ano

A cadea destina máis de 4 millóns de euros á execución deste inmoble, situado na antiga parcela do karting de Merelle. Fiel ao seu costume, o desenvolvemento do proxecto confiouse a empresas galegas: Teo Inmobiliaria como promotor e construtor, e Enxeñería Cotecno. Alén deste impulso ao tecido empresarial local, a futura apertura en Ordes xerará novos postos de traballo, un proceso para o cal a compañía xa traballa en estreita coordinación coa Axencia Local de Emprego.

A entrada en funcionamento do establecemento enmárcase na estratexia de Lidl de reforzar a súa proximidade cos veciños non só desta localidade, senón tamén de concellos próximos, como Cerceda, Frades, Mesía, Oroso, Tordoia ou Trazo.

Visita institucional ás obras

O alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, participou recentemente nunha visita á obra, acompañado por José Antonio Cabeza Fraga, concelleiro de Obras, Infraestruturas e Mobilidade Cidadá, e por Susana García Gómez, edil de Política Social, Igualdade, Diversidade, Educación e Traballo, así como por unha delegación de Lidl, encabezada polo xerente de Expansión e Inmobles de Lidl en Galicia, Luis Biempica.

Durante o percorrido, Martínez Sanjurjo subliñou que “a chegada de Lidl ao parque empresarial de Ordes é unha moi boa noticia para o noso concello e para toda a comarca, porque supón un novo investimento, a creación de emprego e unha ampliación da oferta comercial á disposición dos nosos veciños”.

Martínez Sanjurjo sinalou que “a implantación dunha compañía desta dimensión confirma o potencial de Ordes como cabeceira comercial e de servizos dunha ampla comarca e reforza a nosa capacidade para atraer novos investimentos e proxectos empresariais”.

Nesta liña, o rexedor engadiu que “desde o Concello valoramos especialmente que empresas como Lidl aposten por Ordes para seguir medrando en Galicia. O noso obxectivo é facilitar a chegada de iniciativas que xeren actividade económica, emprego e novas oportunidades, contribuíndo ao desenvolvemento e á modernización do municipio”.

Finalmente, o alcalde de Ordes agradeceu a “firme aposta da compañía polo concello”, á vez que expresou o seu desexo de que “estas obras avancen segundo o previsto e que moi axiña poidamos ver este novo establecemento aberto e plenamente integrado na actividade comercial” da localidade.

Compromiso cos pequenos núcleos

O director rexional de Lidl en Galicia, Jaime Herrá, destaca que, unha vez se poña en marcha este establecemento, a cadea sumará un total de 43 tendas na comunidade distribuídas en 33 municipios das catro provincias.

Do total de establecementos, 27 sitúanse fóra das sete cidades galegas, de modo que o 63 % dos puntos de venda dan servizo a pequenos e medianos núcleos de poboación. Neste senso, Herrá sinala que “é unha proba máis do noso compromiso de achegarnos á poboación galega e de atender de modo específico a unha rexión que presenta unhas necesidades claras en canto a dispersión demográfica”.

Deste xeito, Lidl está presente xa en localidades como A Guarda (9.970 habitantes), en Pontevedra; Ribadeo (10.022), en Lugo; O Barco de Valdeorras (13.368), en Ourense; ou Betanzos (13.533), na Coruña. A estes concellos unirase Cee (7.731 habitantes) desde o vindeiro xoves, 22 de outubro, na que será a primeira tenda de Lidl na comarca de Fisterra.

En paralelo, a cadea segue avanzando noutras intervencións na provincia da Coruña, como a construción da súa segunda tenda en Oleiros ou a modernización da tenda da Gándara, en Ferrol.

Impacto na provincia

Segundo o último Informe de impacto corporativo de Lidl, elaborado pola consultora independente PwC, a actividade de Lidl xera unha pegada global de 238,3 millóns de euros na provincia da Coruña, o que supón un 0,74 % do PIB total, converténdose así na segunda provincia galega na que a súa actividade ten maior peso.

Este é o resultado de sumar o impacto directo (23,5 millóns), indirecto (180,6 millóns) e inducido (34,2 millóns), que foron medrando de xeito sostido, acumulando un aumento do 62,95 % desde 2018.

Así mesmo, a cadea xa dinamiza preto de 5.000 postos de traballo na Coruña, entre directos (435), indirectos (3.928) e inducidos (588), o que representa o 1,02 % do total da provincia.

Deste xeito, A Coruña é a demarcación galega na que Lidl apoia máis empregos, tanto en termos absolutos como en valores relativos de achega ao tecido laboral. Este liderado correspóndese co incremento sostido dos últimos anos, xa que desde 2018 Lidl incrementou un 60,2 % o seu impacto laboral.

Lidl avanza nas obras da súa primeira tenda de Ordes coa previsión de poñela en funcionamento antes de que remate este ano