A iniciativa busca implicar ás nenas e nenos de Ordes na decoración dos escaparates dos establecementos asociados. Os/as gañadores/as  recibirán unha cesta de xogos de mesa 

A Asociación de Empresarios e Comerciantes de Ordes (AECOR) pon en marcha o concurso O Samaín vive no comercio local. Unha iniciativa que quere achegar a rapazada empadroada en Ordes ao comercio de proximidade. Con motivo desta celebración contribuirán na ambientación dos escaparates dos establecementos asociados.

     Cada participante poderá presentar un único adorno. Estableceranse dúas categorías de idade, de 5 a 10 anos e outra de 11 a 16. (A idade será a que teñan na data de finalización do prazo de entrega dos traballos). Concederase o mesmo premio para cada unha delas, unha cesta de xogos de mesa para desfrutar en familia. 

     Os traballos poderán entregarse do 21 de setembro ao 10 de outubro na oficina de AECOR (Rúa Xoxardo, s/n, baixos da Alameda, Ordes), en horario de 8 a 15 horas de luns a venres. A valoración das creacións estará nas mans do público que poderá emitir o seu voto na App AECOR Club. Posteriormente serán expostas nos escaparates dos establecementos asociados.

          Esta iniciativa conta coa colaboración do Concello de Ordes, a Xunta de Galicia e Comercio Galego.
 

AECOR convoca o concurso infantil O Samaín vive no comercio local