A obra, escrita por Eva Mejuto e dirixida á cativada, foi gañadora dun Premio Barriga Verde no ano 2022 e tamén dun María Casares no 2025

O Outono Cultural, programa organizado polo Concello de Ordes en colaboración coa Deputación da Coruña, continúa este venres, 9 de outubro, con Os contos do Lobicán, de Redrum Teatro.

     A representación terá lugar na Casa da Cultura ás 20 horas e está recomendada para nenas e nenos a partir de 4 anos. A cita é de balde, achegándolle ao público unha montaxe que combina á perfección monicreques, música e verso.

     Os contos do Lobicán é un espectáculo áxil, divertido e atrevido capaz de darlles a volta aos contos clásicos transmitindo valores como a amizade, a cooperación, o respecto pola natureza, o pensamento crítico e a importancia da imaxinación. A obra, escrita por Eva Mejuto, foi gañadora do XV Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques en 2022 e recibiu tamén o Premio ao Mellor Espectáculo de Monicreques nos XXIX Premios de Teatro María Casares. 

     A historia está protagonizada por Lobicán, un pequeno lobo curioso ao que lle encanta explorar o bosque e aprender sobre a natureza. Un día, a súa nai encárgalle levar unha torta ao seu avó, que vive no bosque. Durante o camiño, Lobicán atópase con Xiana, unha nena que busca o camiño para chegar á casa da súa tía Silvana. A pesar das súas diferenzas e dos medos iniciais, os dous protagonistas establecen unha amizade que lles permitirá afrontar xuntos distintos perigos e desafíos. 
    
     Unha posta en escena que convida ás crianzas a reflexionar sobre a aceptación das diferenzas, a convivencia entre persoas e animais e o coidado do medio natural. 
 

O Outono Cultural trae este venres Os contos do Lobicán, espectáculo de monicreques musical e en verso