spacer
Ordes licita as obras para abastecer de auga desde Castrelos ata Queirúa pasando polo Cano, e interconectar os depósitos do Mesón do Vento e de Merelle

O proxecto, cun orzamento de 112.467,48 euros, prevé máis de 2,6 quilómetros de nova canalización que, unha vez executada, permitirá unir as redes dos depósitos do Mesón do Vento e de Merelle, que abastecen a vila de Ordes.

O Concello de Ordes convoca a licitación das obras do proxecto de abastecemento de Queirúa a Castrelos, cuxo obxecto é executar unha nova canalización de auga que, unha vez rematada, posibilitará interconectar os depósitos do Mesón do Vento e de Merelle, a través dos cales se subministra auga á vila de Ordes.

O proxecto ascende a un presuposto base de licitación de 112.467,48 euros, IVE incluído (92.948,33 euros sen IVE). As obras contemplan a instalación de 1.685 metros de tubo de polietileno de alta densidade de 110 milímetros de diámetro exterior e 940 metros de tubo do mesmo material de 90 milímetros, ambos dimensionados para unha presión de 16 atmosferas, polo que se tenderán en total 2.625 metros de nova conducción.

A actuación inclúe tamén a instalación de nove válvulas de comporta e de dúas válvulas redutoras de presión para regular o funcionamento da rede, a execución de 20 metros de cruce con topo, a limpeza de gabias e salvagabias para garantir un correcto drenaxe lonxitudinal e transversal e a reposición dos pavimentos afectados, con 20 centímetros de zahorra, 15 centímetros de grava, tratamento asfáltico semiprofundo e 5 centímetros de aglomerado en quente.

O proxecto fixa un prazo de execución das obras de seis meses. O Concello dispón dos terreos necesarios para levar a cabo a actuación.

O prazo de presentación de ofertas remata o vindeiro 28 de outubro de 2026.
 

Ordes licita as obras para abastecer de auga desde Castrelos ata Queirúa pasando polo Cano, e interconectar os depósitos do Mesón do Vento e de Merelle