O pleno acorda ampliar os prazos do futuro contrato de limpeza viaria e recollida de RSU para poder proceder coa súa licitación
O Pleno de Ordes actualizou as ordenanzas fiscais dos servizos de auga potable, sumidoiros e do cemiterio municipal.
O Pleno do mes de setembro acordou a modificación dunha serie de ordenanzas fiscais. No caso das taxas de auga potable e sumidoiros veranse incrementadas nun 3,4% en base ao aumento interanual do IPC de acordo a vixencia do contrato de prestación do servizo.
Desde a oposición optaron pola abstención. A socialista Noelia Rivadas aludiu á mala calidade do servizo prestado, chegando a denunciar que algúns días “veciños e veciñas quedaron sen subministración durante horas”. Por todo isto chegou a reclamar esixencias na prestación do servizo á empresa concesionaria, ademais de interesarse polas medidas fiscalizadoras levadas a cabo dende o Concello. Un punto de vista apoiado tamén pola bancada do BNG, que manifestou a súa inquedanza polo mantemento que presenta a rede de sumidoiros ante a época de chuvias que se aproxima.
No que respecta á taxa do cemiterio municipal do Valado, a actualización da asignación vai en concordancia coa licitación da obra para a nova mazá M proxectada e sitúase en 1.595,61 € para os nichos e en 6.382,42 € para os panteóns. En ambos os casos a concesión outorgarase por un período de 50 anos. Aquí unha vez máis os nacionalistas decantáronse pola abstención, mentres que o PSdeG-PSOE de Ordes votou en contra debido ao incremento en 1.000 € aproximadamente (17%).
O alcalde de Ordes, asegurou que a ordenanza aplicada é a mesma de sempre, podendo facerse un primeiro pago no momento da reserva e outro ao finalizar a construción. Tamén explicou que para que as taxas non se viran incrementadas en maior medida obviouse a repercusión do terreo e os gastos de urbanización.
No pleno tamén se acordou a ampliación dos prazo para o futuro contrato de servizo de recollida e transporte de residuos sólidos urbanos e o de limpeza viaria a 12 e 10 anos respectivamente. Ambas as excepcións nos límites de prazos establecidos saíron adiante coa aprobación do grupo de goberno, votando en contra o resto da corporación.
Noelia Rivadas demandou prudencia “ante un servizo que leva tempo presentando queixas da veciñanza”. A voceira socialista indicou que “a duración deste tipo de contratos debe ser a estritamente necesaria e que calquera período excepcionalmente longo deberá estar plenamente xustificado”. Pablo Vidal, do BNG, insistiu unha vez máis na aposta do seu grupo por mancomunar o servizo de recollida e transporte de residuos sólidos.
Traspaso titularidade
O BNG de Ordes presentou unha moción solicitando ao goberno galego “que apoie e non boicotee a transferencia da AP-9 a Galicia, de maneira que se poida facer efectiva no prazo máis breve posible”. Nela inclúense referencias ás garantías por parte do goberno central para asumir todas as consecuencias derivadas das decisións que adoptou no tempo en que tivo a titularidade e a xestión da autoestrada”.
Os 9 votos en contra do goberno local botaron abaixo os 7 a favor das demais forzas con representación no Pleno. “O mandato do Parlamento de Galicia foi unánime e incluía unha serie de cuestións, sendo evidente que a norma que se aprobou en Madrid non é igual á do Parlamento autonómico. Estando de acordo na necesidade desta transferencia, isto non pode custarlle nada ao peto dos galegos/as. Cando isto estea garantido, sen dúbida o acordo sairá adiante, pero a día de hoxe non é así”, aseverou o rexedor ordense.