spacer
O delegado inaugura dúas novas actuacións financiadas polo Goberno de España a través do Instituto para a Transición Xusta (ITJ)

Pedro Blanco reivindica en Ordes unha Transición Xusta que deixe “novas oportunidades e mellores servizos nos territorios”

  • O delegado destaca que a transición “non é só pechar unha etapa, ten que abrir outra” con emprego e actividade económica, pero tamén con vivenda, mobilidade, servizos e calidade de vida

  • O Goberno destina máis de 1,6 millóns de euros á nova senda peonil entre Ordes e Pontraga e á creación dunha vivenda social no Mesón do Vento

  • Desde 2019, o MITECO concedeu máis de 221,6 millóns de euros para 62 proxectos nas zonas de Transición Xusta de Meirama e As Pontes

Ordes (A Coruña), 30 de setembro de 2026.- O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, reivindicou hoxe en Ordes unha Transición Xusta que se traduza en “novas oportunidades e mellores servizos nos territorios afectados” e que contribúa a que a cidadanía poida desenvolver neles o seu proxecto de vida. Fíxoo durante a inauguración de dúas novas actuacións financiadas polo Goberno de España a través do Instituto para a Transición Xusta (ITJ) con máis de 1,6 millóns de euros: por un lado un itinerario de mobilidade alternativa entre Ordes e Pontraga e unha nova vivenda de alugueiro social no Mesón do Vento. 

Pedro Blanco defendeu que a transición non é só pechar unha etapa, “ten que abrir outra” e subliñou que este proceso debe ir máis alá da creación de emprego e actividade económica. “Temos que falar tamén de vivenda, de mobilidade, de servizos e de calidade de vida. Porque se queremos que a xente quede nos nosos concellos, necesitamos lugares nos que se poida vivir, traballar e construír un proxecto de vida”, afirmou. 
Neste sentido, o delegado enmarcou as actuacións de Ordes nunha sucesión de proxectos que están permitindo trasladar a Transición Xusta á vida diaria dos municipios. Así, destacou que estas actuacións forman parte dun esforzo moito maior do Goberno para acompañar os territorios afectados polo peche de instalacións enerxéticas vinculadas ao carbón. Desde 2019, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico concedeu máis de 221,6 millóns de euros en axudas para 62 proxectos nas zonas de Transición Xusta de Meirama e As Pontes. 
O delegado felicitou ao Concello de Ordes por aproveitar estes recursos e agradeceu o traballo da directora do Instituto para a Transición Xusta, Nuria Martínez, e de todo o organismo. “Imos seguir transformando a transición en oportunidades e, sobre todo, en futuro para os concellos”, concluíu. 

A primeira das actuacións inauguradas é o itinerario de mobilidade alternativa na DP-5903, no que o Goberno investiu 1.484.830,92 euros. A actuación crea unha conexión de 2.800 metros de lonxitude e 1,80 metros de ancho entre o núcleo de Ordes e as instalacións socioculturais e de lecer da Estación de Pontraga. 

A nova senda incorpora unha pasarela pilotada de 112 metros, muros de pedra e varandas de seguridade, zonas de descanso, dous puntos de recarga eléctrica para motos, bicicletas e patinetes e tres áreas de aparcamento para bicicletas. Conta tamén cun sistema de recompensas dixitais mediante códigos QR para incentivar o uso do itinerario e reducir a utilización do vehículo privado. 

A segunda actuación supuxo un investimento de 184.211,10 euros para rehabilitar o antigo local social do Mesón do Vento e transformalo nunha vivenda de alugueiro social, coa finalidade de facilitar o acceso á vivenda e contribuír á permanencia de poboación no territorio. O inmoble conta con 156 metros cadrados distribuídos en dúas plantas e tres habitacións, e foi sometido a unha renovación integral baixo criterios de eficiencia enerxética. 
 

O delegado inaugura dúas novas actuacións financiadas polo Goberno de España a través do Instituto para a Transición Xusta (ITJ)