O programa arranca o venres e finalizará en decembro. O escenario da Casa da Cultura albergará nove espectáculos para todos os públicos

O Concello de Ordes presenta a programación do Outono Cultural 2026. Un ciclo que encherá de actividade o escenario da Casa da Cultura entre os meses de setembro e decembro. Todas as funcións darán comezo ás 20 horas e abranguen propostas para todos os públicos, desde o teatro infantil ata o humor para persoas adultas, pasando polos malabares e a maxia.

     A programación arrancará este próximo venres, día 18, cunha proposta teatral familiar a cargo de Galeatro e Xarope Tulú. Trátase da obra Berenguela na gaiola (+8 anos). Setembro pecharase o venres 25 coa compañía Malasombra e a súa peza Cotorras (+14 anos).

     Outubro arrancará cun concerto musical, o xoves día 1, da man de Cheny Wa Gune. Ao día seguinte, o venres 2, Empatía Teatro presentará Esas cousas marabillosas (+14 anos). O público máis cativo terá a súa cita o venres 9 de outubro con Redrum Teatro e Os contos do lobicán (+4 anos). O circo e os malabares tomarán o relevo o venres 16 con Xampatito Pato e a súa obra Compaña (+6 anos). Para pechar o mes, o ilusionismo do Mago Teto co seu espectáculo GaleRock 'N'Magic (+6 anos) encherá de maxia a Casa da Cultura o venres 23, dando paso ao humor de Oswaldo Digon co monólogo In-Certo (+16 anos) o venres 30.

     En novembro, a actividade continuará o venres 6 coa compañía aAntena e a peza teatral Sol fuerza (+16 anos). O humor e as risas regresarán o venres 13 da man do cómico Pepo Suevos e o seu espectáculo Orille! (+16 anos).

     O broche de ouro a este Outono Cultural 2026 porase o venres 4 de decembro coa actuación de Isabel Risco, que presentará a peza teatral As aventuras de Nabiza Girl: O estraño caso da Cultura Minguante (+16 anos).

     A Deputación da Coruña colabora co Concello de Ordes na posta en marcha desta iniciativa cultural, cuxo obxectivo principal pasa por ofrecer alternativas de lecer variadas e de calidade para toda a veciñanza.

Ordes presenta o seu Outono Cultural cunha ampla variedade de teatro, música, maxia e humor