Nel figuran orquestras como Panorama, Olympus, París de Noia, Los Satélites, La Bamba e o Grupo Tania Veiras entre outros. 

Haberá pasacalles con formacións locais e concertos ofrecidos pola Banda de Música de Ordes. 

Non faltarán os actos litúrxicos, procesións e unha xornada dedicada ás persoas emigrantes

Ordes xa se prepara para unha nova cita coas súas festas patronais. A Asociación Cultural e de Festexos da Vila de Ordes acaba de dar a coñecer o cartel da edición deste ano. Serán cinco días de celebracións consecutivas dende o mércores 12 ao domingo 16 de agosto. Unha vez máis o prato forte serán orquestras de relevante sona e formacións folclóricas de primeira liña. 

A música e a tradición serán os fíos condutores dunhas celebracións pensadas para xente de todas as idades e gustos, cuxos detalles principais se estruturan da seguinte maneira:

Mércores, 12 de agosto
A verbena nocturna estará protagonizada por dous habituais na vila. Por un lado a Disco Móbil CDC e por outro a recoñecida orquestra Panorama, que presentará o seu novo show de xira.


Xoves, 13 de agosto
A música regresará novamente caída a noite coas actuacións de Origen e La Banda de Ayer, que ofrecerán un repertorio variado para animar a noite ordense.

Venres, 14 de agosto
O venres será o primeiro día que conte con sesión vermú, nesta ocasión a cargo de Dilema. A partir das 21 horas o ambiente estenderase polas rúas co itinerario de bares animado polas charangas BB+ e Varacuncas. As orquestras América de Vigo e Olympus farán bailar a todos e a todas ata ben entrada a madrugada.

Sábado, 15 de agosto
A xornada principal, o Día de Santa María, patroa de Ordes, dará comezo cos pasacalles de Sementes da Arte, A.C. Veciños de Leira Gaiteiros e A.C. Ardevento. Como de costume a misa solemne está posta para as 12 horas e contará con procesión polas principais rúas da vila. A sesión vermú contará coa música de La Bamba e a Charanga Mekánica. Pasada a medianoite (00:30 horas), os fogos de artificio iluminarán o ceo ordense para deleite de veciñanza e visitantes. Inmediatamente despois comezará o pase a cargo das formacións La Bamba e París de Noia.

Domingo, 16 de agosto
O último día estará dedicado aos emigrantes. Tras a misa solemne das 12.30 horas haberá unha ofrenda ante o monumento erixido a carón do edificio consistorial. Previamente a xornada arrancará cos pasacalles ofrecidos por Sementes da Arte e Camiño Real de Poulo e a Banda de Música de Ordes, quen tamén amenizará a sesión vermú. O Grupo Tania Veiras e a Disco Móbil CDC serán os encargados de facer bailar á xente na franxa do mediodía. Pola tarde volverá haber un concerto especial da banda local e xa pola noite novamente Tania Veiras e os seus, acompañados da mítica orquestra Los Satélites, darán o peche ás festas patronais deste ano.

     Para poder levar a cabo este cartel as persoas organizadoras contan co apoio do Concello de Ordes e da Xunta de Galicia. Ademais, lémbrase que a día de hoxe xa está aberta a conta ES88 0049 7749 9528 1004 6471 para as persoas que queiran contribuír con achegas económicas.

Presentado o cartel oficial das festas patronais 2026