A XXXV Festa do Champiñón cumpre coas expectativas
Miles de persoas encheron a vila durante toda a fin de semana, consolidando o evento como un referente gastronómico en Galicia
Un ano máis quedou de manifesto que a Festa do Champiñón é unha das citas ineludibles dentro do calendario de celebracións culinarias da provincia. A trixésimo quinta edición da celebración, levada a cabo durante toda a fin de semana, pechou as súas portas cun balance máis que destacable a contabilizarse por milleiros os veciños, veciñas e visitantes que non deixaron pasar por alto a cita organizada polo Concello de Ordes. O Campo da Feira foi un fervedoiro de xente e de actividade constante.
As boas condicións meteorolóxicas foron o aliado perfecto para que a festa se vivira intensamente na rúa dende o venres ata o domingo.
A programación musical foi un dos grandes motores da afluencia. O concerto de Mago de Oz na medianoite do sábado atraeu a milleiros de seguidores e seguidoras que vibraron no Campo da Feira, sumándose aos concertos de Mondra e ás actuacións de orquestras de primeiro nivel como La Fórmula, París de Noia, Alaska ou Capitol, que mantiveron o ambiente no máis alto ata o último momento.
No apartado puramente gastronómico, os showcookings volveron ser un éxito de participación, ofrecendo de balde receitas innovadoras elaboradas con champiñóns. Tampouco faltaron as tradicionais polbeiras e a presenza de Champi, a mascota oficial, que protagonizou centos de fotos no photocall instalado á entrada do recinto.
Máis alá da gastronomía, a vertente profesional e artesá tamén formou parte do programa. O alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, acompañado por autoridades como o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a directora xeral de AGADER, María Paz Rodríguez Rivera, visitaron as exposicións de maquinaria agrícola e o mercado de artesanía.
A feira de maquinaria contou con máis de 15 firmas comerciais que amosaron as últimas novidades do sector, ademais dunha vistosa mostra de tractores antigos. Pola súa banda, o mercado de artesanía na alameda completou a capacidade de 20 postos, destacando este ano a incorporación de produtos alimentarios derivados dos cogomelos.
Dende o Concello de Ordes queren agradecer a colaboración da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia, Xacobeo e Galicia Calidade, así como o comportamento exemplar de veciñanza e visitantes que fixeron desta XXXV edición un éxito sen precedentes.