O Mesón do Vento prepárase para a XXVII Festa do Lacón con Grelos
Celebrarase a fin de semana do 7 e 8 de marzo. Nesta edición inaugurarase unha feira de maquinaria agrícola de segunda man. Non faltarán os encontros folclóricos, as probas ecuestres e as degustacións gastronómicas
A XXVII Festa do Lacón con Grelos no Mesón do Vento xa ten data de celebración. Será a fin de semana do 7 e 8 de marzo. O programa deste ano contempla exposición de gando ambos os días, así como a celebración da I Feira de Maquinaria Agrícola de Segunda Man.
O sábado ao mediodía celebrarase o X Encontro Folclórico, coa participación das asociacións culturais Leira Gaiteiros, Pandeireteiras de Ardevento, Camiño Real de Poulo e Sementes da Arte. A maiores a charanga BB+ animará a xornada cos seus ritmos e pasacalles. Xa pola tarde, concretamente a partir das 16.30 horas, terá lugar o espectáculo equino Duende Ecuestre. Leti da Taberna arrancará as gargalladas de todas e todos os presentes co seu monólogo Jastac Japi Jolidais.
O domingo bares, restaurantes e establecementos da zona repartirán degustacións do tan afamado lacón con grelos. Como é costume, as probas e exhibicións de andadura mais os concursos darán comezo dende as 10 e perdurarán ao longo de toda a mañá. Ás 11.30 horas está prevista a VII Poxa de Gando de Raza Frisoa. A música correrá a cargo do Dúo Matices na sesión vermú (14 h) e dos Satélites xa pola tarde (18 h). Tras o xantar o programa arrancará coa xincana libre de obstáculos (16 h), seguida da carreira de burros (17 h).