Ordes acollerá o vindeiro ano o II Circuíto Galego de Lanzamentos Longos
Esta fin de semana clausurouse a primeira edición invernal con dous récords galegos en martelo e disco.
Un ano máis o Concello de Ordes coorganizará o II Circuíto Galego de Lanzamentos Longos. O centro de lanzamentos da Cidade Deportiva de Vista Alegre será lugar de encontro para os/as mellores en disco, martelo e xavelina ao longo do próximo ano 2026. A homologación oficial coa que contan as instalacións fai posible que novamente se poida levar a cabo esta proba autonómica.
O calendario compóñeno cinco xornadas, cuxas datas concretas son: 11 e 18 de xaneiro, 22 de abril, 17 de xuño e a fin de semana do 12 e 13 de decembro. Para poder levar a cabo esta competición a Federación Galega de Atletismo, o Concello de Ordes, a Xunta de Galicia e Deporte Galego unifican esforzos e recursos.
Precisamente esta última fin de semana clausurouse en Ordes o I Circuíto Galego de Lanzamentos de Inverno. Nel participaron un total de 263 lanzadores (141 mulleres e 122 homes), destacando o rexistro de dous novos récords galegos. O de Loreto Brea (F 50) cuxo martelo chegou ata os 39.28 m, e o de Antía Suárez (Sub 14) capaz de lanzar o disco ata os 31.92 m. Ademais disto tamén se puideron superar outras 74 mellores marcas persoais.
Finalmente os/as gañadores/as en cada modalidade foron:
-
Martelo (H). Javier Cid (Ourense At.) 60.11 m.
-
Martelo (M). Aixa Corbacho (Valencia At.) 57.50 m.
-
Disco (H). Hugo Casañas (Ourense At.) 57.00 m.
-
Disco (M). Evelyn Fernández (At. Narón) 39.30 m.
-
Xavelina (H). Alejandro Barbeito (At. Sada) 56.32 m.
-
Xavelina (M). Antía Villar (At. Lugones) 38.46 m.