Saída ao Titan Láser Tag o 30 de decembro
O Concello organiza unha excursión para a rapazada de 8 a 16 anos. O prazo para poder apuntarse estará aberto ata o día 22.
Pensando especialmente na rapazada con idades dos 8 aos 16 anos, o vindeiro 30 de decembro o Concello de Ordes ten organizada unha saída ao Titáns Láser Tags, no concello de Teo. Trátase dun espazo de 750 metros cadrados destinados á simulación de combate con pistolas e armas láser totalmente inofensivas e indoloras. Para isto emprégase un sistema composto por unha marcadora e un diadema receptor con tecnoloxía infravermella. Un xogo que cada vez conta con máis seguidores/as ao longo de todo o mundo, no que se combina a estratexia, traballo en equipo, deporte, comunicación e a toma de decisións. Aquelas persoas interesadas en formar parte desta actividade poderán inscribirse ata o 22 de decembro no mesmo Concello, cun pago de 10 euros por persoa. Dado que o número de prazas é limitado, estas outorgaranse por rigorosa orde de inscrición, tendo preferencia as persoas empadroadas no municipio de Ordes.
Tanto a saída como a chegada do autobús será dende a rúa Entre Parques ás 9 e ás 14.30 horas respectivamente. Recoméndase levar merenda.