Ata o 18 de decembro a rapazada de 3 a 12 anos poderá apuntarse ás actividades que se desenvolverán do 22 de decembro ao 7 de xaneiro.

Ata o próximo 18 de decembro estará aberto o prazo para apuntarse nas actividades de conciliación organizadas polo Concello de Ordes nestas datas de Nadal. Orientado a nenos e nenas escolarizados de 3 a 12 anos, o Christmas Camp desenvolverase no centro sociocultural Isabel Zendal os días 22, 23, 24, 26, 29, 30 e 31 de decembro. Tamén o 2, 5 e 7 de xaneiro. O horario irá de 9 a 14 horas, no que a rapazada realizará diferentes actividades lúdico-educativas como música en movemento, obradoiros creativos, xogos deportivos, ciencia divertida ou Christmas crafts. Tampouco faltarán os xogos grupais e as tradicionais celebracións de Nadal. O custo do Christmas Camp será de 40 euros, gozando as familias numerosas dun desconto do 50%. Para apuntarse haberá que acudir ao departamento de Educación, situado no primeiro andar do edificio consistorial (981 680 002, ext 3).

A ficha de inscrición xa está dispoñible tanto na web municipal como a través das súas redes sociais. Para a contratación doutros servizos complementarios haberá que facelo en liña en www.escuelacontalento.es/campamentos/

Aberto o prazo para inscribirse no Christmas Camp