Este ano o mercado de Nadal de Ordes contará con obradoiros creativos para toda a familia
Instalarase do 20 ao 24 de decembro na alameda. Con cada compra entregarase unha papeleta para participar no sorteo de agasallos.
Do 20 ao 24 de decembro na alameda de Ordes vai quedar instalado o tradicional Mercado de Nadal. O horario de apertura irá de 10.30 a 21 horas, agás o día 24, que pechará ás 14 horas. Como cada ano veciños/as e visitantes poderán adquirir todo tipo de produtos artesanais para realizar os seus agasallos. Non faltarán pezas tecidas con la, abelorios, macetas, xogos, bonecas, cestos de vimbio, pandeiretas, roupa, bolsos, adornos domésticos etc, ademais de doces e lambetadas. Por cada compra realizada entregarase unha papeleta para participar nun sorteo con distintos premios e agasallos, o cal se realizará o martes día 23 ás 17.30 horas. Entre as novidades máis sonadas está a posta en marcha de obradoiros para poder participar en familia.
Todos eles darán comezo ás 18.30 horas e serán de balde. Así, o día 20 vaise elaborar un broche de ramiño elaborado en arxila, o domingo 21 postais de Nadal e un marcapáxinas en goma eva, o luns 22 cestos e, por último, o martes 23 bonecos de neve con arxila.