Unha vintena de persoas participaron esta mañá no curso sobre o cultivo e a produción de castañas.

O lugar escollido para esta formación foi o salón de plenos do Concello de Ordes, situado nos baixos da alameda. Diego Sánchez, da Asociación Frouma, falou de distintos aspectos relacionados coa recuperación de montes para a produción de alimentos. Pola banda de José Queijas Pallas e José Antonio Liñares Candal, membros da Asociación Galega das Castañas e dos Soutos, abordouse o tema dos castiñeiros como unha das mellores alternativas de cultivo cara ao futuro.

Organizada pola Asociación Frouma, a xornada estivo subvencionada pola Deputación da Coruña. Tamén contou coa colaboración do Concello de Ordes, a do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas e coa da Asociación Galega das Castañas e dos Soutos.

Ordes acolle un curso sobre o cultivo e a produción de castañas