O Mesón do Vento celebra esta fin de semana a XXVI Festa do Lacón con Grelos
A localidade ordense agarda milleiros de asistentes á cita gastronómica por excelencia de toda a comarca. O domingo os bares e restaurantes da zona ofrecerán degustacións de balde
Esta fin de semana a localidade ordense do Mesón do Vento celebrará a Festa do Lacón con Grelos. Unha celebración que este ano alcanza a súa vixésimo sexta edición e para a que se agardan milleiros de persoas chegadas non só da contorna, senón doutros puntos do territorio galego.
Sen dúbida un programa pensado para todos os gustos, inquedanzas e idades axuda a facer desta cita unha das máis atractivas de toda a provincia para esta fin de semana. Tanto o sábado como o domingo haberá exposicións de gando no recinto feiral a partir das 10 horas. Outra das actividades gandeiras máis destacables é a poxa de gando frisón que vai ter lugar o domingo ás 11.30h. Óscas Santos, de Porco Celta de Bidueiro, participará na exposición de animais con exemplares da raza. Tamén se difundirá material informativo entre quen o desexe.
Como vén acontecendo nos últimos anos, esta celebración servirá de marco para un novo Encontro Folclórico. A novena edición desta cita terá lugar o sábado ás 12.30h e contará coas actuacións de Sementes da Arte, Asociación Cultural Leira Gaiteiros, Pandeireteiras de Ardevento e Camiño Real de Poulo. Tras o xantar, xa ás 16.30 horas, o público asistente poderá deleitarse cunha exhibición de cans pastores.
Dende a organización tamén teñen presente ao público máis familiar, de aí o concerto que Uxía Lambona e a Banda Molona dará ás 18 horas, o cal estará seguido da actuación de Zirko Txosko co seu espectáculo Tavole (19h).
O domingo será o día de renderlle tributo a unha das xoias gastronómicas do receitario galego máis tradicional, o lacón con grelos. Para isto os bares e restaurantes da zona ofrecerán racións e tapas entre a súa clientela dende mediodía. Gaiteiros e pasacalles animarán dende ben cedo a localidade, na que tamén actuará Ángel Habana á hora do vermú. Os máis pequenos e pequenas contarán cun circuíto de minitractores a pedais. A orquestra Capitol porá o fin de festa a partir das 17.30 horas antes de que o recinto peche definitivamente a iso das 20 horas.
Cita ecuestre
A Asociación Pura Raza Cabalo Galego volve acudir novamente a O Mesón do Vento para desenvolver unha serie de probas enmarcadas dentro do seu calendario de competicións. Para comezar, o sábado ás 11 horas levarase a cabo unha exhibición de doma de cabalos de Pura Raza Galega
Xa o domingo as persoas afeccionadas ao mundo ecuestre volverán ter unha cita ás 11 horas co concurso morfolóxico de cabalos e eguas de Pura Raza Galega. Tamén están previstas para as 12 horas as probas de andadura tradicional galega e as de trote libre para as 16 horas. A entrega de premios, con máis de 1.600 euros entre todas as categorías, será ás 17 horas na nave de gando.
Tamén o domingo a mediodía se lle fará entrega a Aroa Calviño Costa e Elena Rodríguez García dos seus respectivos premios de 300 e 150 euros ao proclamarse gañadoras do concurso de carteis organizado polo Concello. Maxia, título do primeiro traballo seleccionado, ilustra este ano o cartel principal da celebración. Nel pódese ver un divertido porquiño anunciando a nova edición da Festa do Lacón con Grelos.
Na posta en marcha desta celebración o Concello de Ordes conta coa participación de: Asociación de criadores da Raza Porcina Celta (ASOPROCEL), Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga), Africor Coruña, Asociación Pura Raza Cabalo Galego e a da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia.