spacer
ENTROIDO 2025. Ordes repartirá máis de 4.000 euros en premios no seu tradicional Sábado de Piñata

Será o día 8 cando as calles da vila acollan o desfile e concurso de disfraces. Días antes haberá tamén festas infantís e carpa con discoteca para a mocidade

    Veciños e veciñas de Ordes esperan xa con ansia unha das maiores citas festivas que vive a vila, o Sábado de piñata co seu tradicional desfile e concurso de disfraces. Como cada ano o Concello de Ordes prepara un amplo e animado programa no que teñen cabida tanto a veciñanza como a xente vida de fóra. 

     Será o 8 de marzo cando a partir das 16.30 horas todas as persoas inscritas comencen a desfilar polas principais rúas do casco urbano ata chegar ao Campo da feira. As categorías nas que se poderá participar son as de carroza, comparsa e individual. Haberá ata o 3 de marzo para poder apuntarse a calquera delas a través do rexistro xeral do Concello. 

     A superficie das estruturas das carrozas non deberá superar os 7 metros de longo, 3,50 m de ancho e os 4 m de alto. Non haberá número máximo de integrantes, que poderán ser da calquera idade. Haberá dous premios de 700 e 400 euros. Os grupos de comparsas deberán contar con máis de 5 integrantes. Na categoría adultos (máis de 16 anos) os premios serán de 500, 300 e 200 euros, mentres que na infantil (ata 16 anos) serán de 225, 175 e 135 euros. Por último, na modalidade indivudual o número máximo permitido de compoñentes é de 5. Os adultos optarán a cheques por un valor de 170, 120 ou 90 euros, mentres que para a categoría infantil ascenderán a 100, 80 e 60 euros. En total serán 4.405 € patrocinados na súa totalidade por Reale Seguros e Jaime Castro. Asesoría-Seguros.       A maiores tamén se outorgarán premios á mellor comparsa municipal e á simpatía por valor de 200 e 150 euros respectivamente. O xurado tamén repartirá outros 800 euros en premios locais. Tamén hai que sinalar a colaboración da Deputación da Coruña á hora de poñer en marcha esta cita. 

     O tempo máximo de cada actuación será de 1.30 minutos nas categorías individuais e de 3 minutos nas de comparsa e carroza. As persoas que necesiten acompañamento musical deberán indicalo na mesma inscrición e facelo chegar nese mesmo prazo, en formato MP3, mediante o correo entroido@ordes.gal. Nas redes sociais do Concello xa se pode acceder tanto ás bases, como ás follas de inscrición e de autorización para representantes legais. De precisalo tamén se pode contactar co departamento de Cultura chamando ao 981680002 ext 4.

     Na valoración final os membros do xurado terán en conta criterios como a orixinalidade e vistosidade dos disfraces, o  esforzo no traballo realizado, a posta en escena, a montaxe, os materiais empregados ou o humor. A resolución darase a coñecer o mesmo día 8.

Festa infantil 

Pero non haberá que esperar ao Sábado de piñata para vivir o Entroido en Ordes. O luns 3 de marzo a partir das 16.30 horas no pavillón Campomaior celebrarase unha gran festa infantil. Inchables, obradoiros, xogos xigantes, photocall e moito máis é do que poderán disfrutar rapaces e rapazas, aos que se lles aconsella que asistan disfrazados. Tamén haberá flocos de millo, algodón de zucre e bar glitter. 

     A mocidade tamén terá o seu momento. Será o mesmo día 3 a partir das 22.30 horas no Campo da Feira cando teña lugar unha gran festa, para a que se instalará unha carpa climatizada. Animando a noite estarán so dj das discotecas móviles CDC e Unión y Fuerza. A organización correrá a cargo da Asociación Cultural e de Festexos da Vila de Ordes, que conta coa  colaboración co Concello.

     E non son estes os únicos encontros e actos festivos arroupados pola administración local xa que o sábado, 1 de marzo, a Comisión Festas Merelle e Reboredo organizan o I Cocido de Entroido. O programa arrancará ás 13.30 horas coa sesión vermú a cargo de Roberth Hidalgo. Unha hora máis tarde as persoas asistentes comezarán a dar conta dunha boa tanda de cocido completo, sopa, filloas, café etc. Por suposto os grelos da zona serán un dos ingredientes máis destacados. O prezo das pepeletas será de 35 euros para os adultos, 18 para menores con idades entre os 6 e os 12 anos. Os nenos e nenas de menos de 6 anos non terán que pagar. Non faltarán os sorteos de agasallo e premios para os mellores disfraces de adultos e nenos. As pepeletas para poder asistir poderán adquirirse ata o 26 de febreiro a través dos membros da comisión ou das súas redes sociais.