Música e fantasía no Programa de Nadal de Ordes
Cabicivai e Cantando con Pinocho foron as últimas citas. Esta tarde será o turno para Os contos de William Shakespeare
Cabicivai e Cantando con Pinocho son os títulos dos dous últimos espectáculos ofrecidos en Ordes dentro do seu Programa de Nadal. No primeiro deles Pablo Sánchez volve a recurrir á literatura infantil e xuvenil para crear unha historia conducida pola fantasía e a imaxinación. En Cantando con Pinocho as personaxes de Pepino e a fada de cabelos turquesas transitan por un repertorio musical no que a liberdade, a amistade ou a importancia de perseguir os soños son os temas máis sinalados. Ambas sesións representáronse no auditorio da Casa da Cultura ante un numeroso público familiar.
Esta tarde a compañía Pedras de cartón ofrecerá Os contos de William Shakespeare. Xa o xoves e venres, días 2 e 3 de xaneiro, será a quenda para N+1 Teatro, circo, danza e para Pakolas e Laura Romero con Circanelo e Ramona Órbita, cores, contos e rock respectivamente. En todos os casos as funcións terán lugar na Casa da Cultura ás 18 horas.