Teatro Ghazafellos ofreceu o seu espectáculo incluído no programa de Nadal organizado polo Concello. Hoxe é a quenda para a compañía Pablísimo coa peza Cabicivai.

A compañía Teatro Ghazafelhos non defraudou coa súa obra Monstros no Camiño. Unha peza da que desfrutaron moitos veciños e veciñas e sobre todo os nenos e nenas o pasado luns.

A obra narra a divertida historia de tres investigadores  que participan dun simposio no que tamén terán presenza varios monstros do imaxinario tradicional galego. Grazas á colaboración do público averiguouse si a presenza no Camiño de Santiago de lobishomes, meigas ou do mesmo Sacaúntos é simplemente unha invención ou pola contra se trata dunha realidade. A cita formou parte do programa de Nadal do Concello de Ordes e desenvolveuse no uditorio da Casa da Cultura. 

Visita Papá Noel
A continuación, concretamente o día de Noiteboa, Papá Noel acompañado de persoal do Concello visitou as distintas parroquias do termo municipal. Dende ben cedo arrancou o seu itinerario en Parada para rematar en Montaos. En todos os lugares repartiu lambetadas e agasallos entre a cativada que agardaba por el en prazas e camiños. 

Por outra banda hoxe, xoves día 26, ás 18 horas será o turno para a compañía Pablísimo, que traerá ata Ordes o seu espectáculo Cabicivai. Novamente a representación terá lugar na Casa da Cultura.

Monstros no Camiño agrada en Ordes