A XUNTA E O CONCELLO DE ORDES COLABORAN NA HUMANIZACIÓN DO NÚCLEO URBANO DA LOCALIDADE CUN ORZAMENTO DE MÁIS DE 450.000 EUROS
- O Goberno galego destinará 8,6 M€ o vindeiro ano a seguir apoiando ás entidades locais galegas na execución deste tipo de obras, un 23% máis que o orzamento reservado a tal fin en 2022
A Xunta de Galicia e o Concello de Ordes colaboraron na humanización do núcleo urbano da localidade cun orzamento de máis de 450.000 euros, tal e como explicou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a visita que realizou esta mañá ás actuacións levadas a cabo nas rúas Mediodía e Víctor González Faya.
Máis polo miúdo, Ángeles Vázquez explicou que as obras, financiadas nun 70% pola Xunta e nun 30% polo Concello, consistiron na renovación das beirarrúas con baldosa de formigón vibrado con bordo de granito biselado e dos carrís e aparcadoiros con aglomerado en quente.
A maiores, tamén se levou a cabo a reposición das redes de pluviais e abastecemento así como do tubo de PVC para a conexión da rede de saneamento, a instalación de dúas fontes de auga, sinalización vertical e repintado.
A obra levouse a cabo ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza.
Desde entón, mobilizáronse ao redor de 163 millóns de euros para o financiamento de máis de 400 iniciativas urbanísticas en decenas de concellos galegos co fin de habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor as súas contornas urbanas.
De feito, só na provincia da Coruña foron comprometidas ou executadas desde entón ao abeiro deste programa un total de 96 actuacións, incluída a que se acometeu no concello de Ordes. Cómpre lembrar que este municipio xa levou a cabo outras actuacións ao abeiro desta orde de axudas como a humanización da rúa Alfonso Senra e da praza do centro sociocomunitario Isabel Zendal.
A Xunta destinará 8,6 millóns de euros o vindeiro ano a seguir apoiando ás entidades locais galegas na execución deste tipo de obras, un 23% máis que o orzamento reservado a tal fin en 2022.