A Asociación Amigos da Música de Ordes celebra este sábado a Santa Icía
A Banda de Ordes ofrecerá un concerto cuxa temática será o Camiño Inglés. Posteriormente terá lugar un gran xantar popular
Ese próximo sábado a música volverá a ser a protagonista en Ordes coa celebración da Santa Icía. Unha cita organizada pola Asociación Amigos da Música de Ordes, en colaboración co Concello de Ordes, e que novamente reunirá a centenares de persoas no pavillón Campomaior.
Alí a partir das 13 horas a Banda de Ordes ofrecerá un concerto en directo o cal se centrará no Camiño Inglés. Interpretarán temas inspirados polo percorrido deste vieiro que atravesa a comarca, ademais de contar con algunha que outra sorpresa engadida, tal e como teñen anunciado a través das súas redes sociais. É costume que nesta xuntanza tamén hai unha boa mesa na que non falte empanada, polbo, carne ao caldeiro, café e sobremesa. Está previsto que o xantar popular dé comezo a partir das 14.30 horas. Xa pola tarde, concretamente a partir das 19.30 horas, será o turno para que Embruxo Gaiteiros e Eric Hidalgo e o seu grupo 4 en línea ocupen o escenario e fagan bailar a todos e todas. Tamén haberá sorteo de agasallos ademais de bar e servizo de calefacción. Dende a organización lembran que a asistencia a todos os concertos será de balde para aquelas persoas que queiran acudir.