Preto dun cento de persoas asisten a Muiñada, a derradeira función do programa Outono Cultural
Esta fin de semana o Concello de Ordes finalizou o programa Outono Cultural. A obra escollida para a ocasión foi Muiñada. Deste xeito, na tarde do pasado sábado as persoas asistentes puideron facer unha viaxe no tempo e trasladarse a aquela Galicia rural na que os muíños eran espazos de visita obrigada para a actividade cotiá. Pensada para un público a partir dos 3 anos, Muiñada ofreceulles a posibilidade ben de coñecer, ben de rememorar xogos, lendas, música, costumes e tradicións propias da primeira metade do século pasado.
Dende o pasado setembro Outono Cultural trouxo a Ordes, de xeito gratuíto, media ducia de espectáculos teatrais para todas as idades e gustos. A iniciativa levouna a cabo o departamento de Cultura do Concello de Ordes grazas á colaboración da Deputación da Coruña, Xacobeo 21-22 e Gadis.