Isabel Zendal, filla predilecta de Ordes e integrante da expedición Balmis, considerada pola Organización Mundial da Saúde como a primeira enfermeira do mundo en misión internacional, ten tamén unha estatua na súa honra situada na rúa Victoria Fernández España, na Coruña.  A localización da estatua foi elixida pola súa proximidade ao lugar no que outrora estaba o hospital no que traballaba a enfermeira nada en Parada, no Concello de Ordes.

O acto foi promovido polo Club de Leóns, que encargou o seu deseño e execución, baseado na propia Isabel Zendal rodeada dos nenos e nenas que a acompañaron na viaxe cara ao novo continente, ao escultor Francisco Escudeiro.  Ao acto asistiron en representación do Concello de Ordes o seu alcalde, José Luis Martínez Sanjurjo, Susana García, concelleira delegada de Política Social, Igualdade, Benestar e Traballo, e Álvaro Concheiro, benefactores na execución da escultura conmemorativa.

Tamén asistiron representantes do Concello da Coruña e da Xunta de Galicia.

A Coruña homenaxea cunha estatua conmemorativa á enfermeira e filla predilecta de Ordes, Isabel Zendal.