spacer
Milleiros de persoas non deixaron pasar por alto a XXI Festa do Lacón con Grelos do Mesón do Vento

Este ano un programa do máis variado unido ás boas condicións meteorolóxicas axudaron a aumentar o número de asistentes, situando esta cita gastronómica como unha das máis importantes de toda provincia 

Un ano máis O Mesón do Vento congregou a milleiros de persoas co gallo da XXI Festa do Lacón con Grelos, a cal tivo lugar ao longo de toda esta fin de semana. Un éxito de afluencia que se debe tanto ás boas condicións meteorolóxicas e altas temperaturas rexistradas o sábado e domingo, así como ao variado e completo programa organizado polo Concello de Ordes para esta nova edición. 

     Tras un primeiro día onde houbo probas de agility canina, degustacións de carne cachena, mostras de gando e aves autóctonas, postos artesáns e con produtos de horta, exposición de maquinaria agrícola e moito folclore grazas ao IV encontro no que participaron a Asociación Folclórico Cultural Veciños de Leira, Sementes da Arte e as Pandereteiras de Ardevento hoxe chegou o día grande. En total contabilizáronse máis de 2.500 racións de lacón con grelos as que dende media mañá se levan servindo nos establecementos da zona. 

     Por primeira vez tivo lugar a poxa de gando na que as ben fermosas vacas frixonas foron as máximas protagonistas. Outro dos focos de interese foi a exhibición de vehículos 4X4, que deixaron a todos e a todas abraiados tras salvar os obstáculos, montículos e desniveis a simple vista imposibles de superar. E por suposto non faltaron tampouco as competicións cabalares, con máis de medio cento de participantes inscritos nas distintas probas de andadura, trote ou no concurso morfolóxico de pura raza galega entre outros.  Esta ano a xincana e a carreira de burros puxeron o broche final a esta festa. 

     A XXI Festa do Lacón con Grelos está organizada polo Concello de Ordes, contando este ano coa colaboración de Africor Coruña. Como cabía esperar o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, e a práctica totalidade dos membros do seu equipo de goberno participaron nos distintos actos desenvolvidos ao longo desta fin de semana. 

Milleiros de persoas non deixaron pasar por alto a XXI Festa do Lacón con Grelos do Mesón do Vento